O Auditorio municipal de Cedeira será escenario, do 19 ao 21 de maio, do I Festival de Música Galega-Portuguesa “Traz outro amigo Tambén!” dedicado ao músico José “Zeca” Afonso (1929-1987), autor da canción “Grândola, Vila Morena”, sinal do inicio da Revolución dos Caraveis o 25 de abril de 1974 que rematou coa ditadura lusa.
O programa, presentado onte polo goberno local, comezará o venres 19 coa inaugurción, ás 20.00 horas no Palacete, dunha exposición biográfica e musical sobre a figuran do homenaxeado. A continuación, ás 21.30 horas no Auditorio, terá lugar o festival “Cedeira canta a Zeca”, coa participación de diferentes grupos.
Ao día seguinte, haberá unha charla e mesa redonda sobre o autor para de novo pola noite celebrarse un novo concerto musical con Joao Afonso e Rogério Pires. O domingo pecharase o programa con máis música, desta volta co Grupo de Intervençao da Associaçao José Afonso, un concerto con narrador e exposición de imaxes da vida de Zeca. Tamén durante os tres días do festival, en colaboración con algúns establecementos da vila, haberá posibilidade de gozar da gastronomía lusa.
Revista
O festival dedicado a Zeca Afonso é unha das citas incluídas na nova revista cultural editada polo Concello de Cedeira co obxectivo de difundir entre a veciñanza todas as citas tanto culturais, como de ocio ou turismo, entre outras, programadas ata o mes de agosto na vila.
A publicación, da que neste primeiro número foron tirados 500 exemplares, inclúe un total de 24 páxinas con información sobre todos os eventos programados en diferentes espazos.