Sito Sedes, homenaxeado na súa terra

Sito Sedes, homenaxeado na súa terra
O adro da igrexa de Santa Marina de Sillobre foi onte o escenario da homenaxe a Sito Sedes, á esquerda | daniel alexandre

Nesa parroquia, Sillobre, á que chegou con catro anos e da que marchou con dezasete, testemuña polo tanto da súa infancia e mocidade, foi onde onte Sito Sedes gozou dunha emotiva homenaxe, a primeira que recibiu a título particular na súa terra.
Entre os seus acompañantes, como non podía ser doutro xeito, a orquestra Los Satélites –que tanto lle ensinou e que tantas oportunidades lle deu, como salientaba hai uns días el mesmo–, coa que o mítico músico, figura de referencia na cultura popular galega durante anos, viviu a súa época dourada.
Traxectoria
Catorce anos de xiras por toda España, países europeos e incluso América; festivais, participaciós televisivas, colaboracións cos máis grandes artistas do país, grabacións de LPs con EMI e incluso un disco de ouro forman parte da bagaxe dunha formación que onte subiu ao escenario instalado no adro da Igrexa de Santa Marina para rememorar vellas lembranzas e facer gozar ao público, que non quixo perderse este merecido recoñecemento a Sedes.
Organizado polo Concello de Fene no marco do programa “Fene Vivo” coa colaboración da asociación de veciños de Sillobre, reuniu tamén a un bo número de amigos e compañeiros do artista, como Antón Reixa, Xurxo Souto o Carlos Blanco, entre outros.
Aos seus 72 anos de idade, Sedes salientaba hai uns días a cantidade de recordos que lle veñen á memoria con motivo da homenaxe celebrada nun escenario no que viviu a súa nenez, cando se poñía en primeira fila para escoitar as orquestras nas festas.
Festas que logo el se encargaría de amenizar xa subido ao escenario para poñer a súa voz ao servizo do público, como onte volveu facer na parroquia de Sillobre. l

Sito Sedes, homenaxeado na súa terra

Te puede interesar