A Consellería de Educación vén de facer pública a resolución dos premios para o desenvolvemento de proxectos de innovación tecnolóxica ou científica e didáctica. Entre os traballos seleccionados figuran catro do Centro Integrado de Formación Profesional Ferrolterra –o único da comunidade con esa cifra de propostas galardonadas e que se traduce nunha dotación total de 83.124 euros–, e un do IES de Ortigueira –que recibirá 24.460 euros–.
“Todos estes premios van servir para que os nosos alumnos e profesores implicados nestes proxectos traballen en cousas que van servir no mundo da empresa ou para outros centros educativos”, comenta o director do Ferrolterra, Enrique Pazo.
É o caso do Hospital de Robots iniciado xa no centro e que grazas a este premio poderá seguir avanzando. Realizado por alumnos do ciclo superior de Mantemento Electrónico Industrial e polo profesor Tino Fernández, esta proposta se está a converter nunha ferramenta moi útil para aqueles centros de Primaria e Secundaria da comarca que traballan a robótica e que atopan neste servizo do Ferrolterra o mellor lugar para reparar os seus robots e optimizar o funcionamento dos mesmos.
O proxecto ten entre os seus colaboradores o CFR, varios centros educativos da comarca e varias empresas.
Xunto a este proxecto, desenvolveranse outros tres: o da “Electrobicicleta de man para nenos con mobilidade reducida”; a creación dun prototipo de sistema “Dish Stirling” para a conversión de enxerxía solar en enerxía eléctrica; e o que consistirá no desenvolvemento dunha ferramenta multiusos para operacións auxiliares de soldadura.
Pola súa banda, o proxecto do IES de Ortigueira ten por obxectivo a creación dunha cápsula orgánica multiuso.