As sondaxes arqueolóxicas do mercado eumés delimitan o trazado do antigo pazo

|

O novo número da revista Cátedra publica un artigo do arqueólogo Emilio Ramil no que describe as excavacións feitas no mercado de Pontedeume e na rúa San Miguel como requisito previo á autorización das obras de remodelación da praza de abastos. As conclusións deste informe dan conta de que a construción do mercado, no seu día, logo do desmantelamento do antigo pazo, nos anos trinta do século pasado, alterou os restos que puidera haber na zona. “O interior do mercado municipal é un espazo completamente alterado, arrasado, polas obras”, no que non quedan restos anteriores ó século XX”.
Nas catas arqueolóxicas da rúa San Miguel, porén, atopouse material contemporáneo (louza e cerámicas) nos estratos superiores, pero tamén restos medievais con cerámicas importadas de Manises, Talavera, Estremadura e Portugal, “cunha cronoloxía entre os séculos XV e XVI”, escribe Ramil. Nesta zona atopáronse ademais cimentos que permiten delimitar a estrutura do pazo e que, maila que “a súa entidade patrimonial é escasa”, teñen “o valor suficiente para situar os restos nunha planimetría actualizada”. Así, existen os cimentos “dos muros da Capela San Miguel, o muro de peche do pazo polo sueste e os muros das cortes e Casa do Labrador”.

escolas
A revista inclúe ademais un estudo das escolas que existiron no municipio durante o século XX, recompilando, a través da recolleita de testemuños orais, desde os centros oficiais ata as clases que se daban nas casas e os mestres que as atendían. Supón un interesante percorrido, ademais, polo camiño do ensino durante as últimas décadas ata a súa extensión e obrigatoriedade. O artigo fírmao Manuel Bouza.
Cátedra, que chega ó seu número 22 e que se presentou o venres pasado na Casa da Cultura eumesa, conta con firmas habituais que debullan documentos e analizan cuestións patrimoniais e etnográficas da comarca. José Fonte, Carlos de Castro, Jesús Andrés López, María Fidalgo, Juan Carneiro, Manuel Anxo López-Felpeto, Antonio Río e Silvia Blanco ou Xavier Brisset achegan información sobre Caaveiro, Naraío, o colexio eclesiástico, representacións cionográficas ou arte pictórica nun volume que, como é habitual, tamén inclúe o traballo gañador do Premio de Investigación Concello de Pontedeume. Na súa edición de 2014 correspondeulle esta honra a José Manuel Yáñez Rodríguez, co artigo “O val do Eume na cartografía histórica 1522-1890”. A escolma de novas publicadas nos xornais da comarca no ano 1915 e distintos documentos históricos completan a obra.
O profesor de Historia Antiga da Facultade de Humanidades de Ferrol, Juan Luis Montero Fenollós, encargouse de facer a presentación da obra, nun acto concurrido (como é habitual) no que tamén estiveron presentes o profesor Carlos de Castro e o bibliotecario Alexandre Caínzos (membros do Consello de Redacción), xunto co alcalde da vila, Bernardo Fernández.

As sondaxes arqueolóxicas do mercado eumés delimitan o trazado do antigo pazo