O que a finais do curso pasado era un simple almacén dentro do pavillón no que o IES Leixa concentra os ciclos de Formación Profesional da familia de Sanidade, convértese na actualidade nun auténtico taller de emerxencias que redundará de forma moi positiva na formación práctica dos alumnos.
Aínda que os principais destinatarios da nova infraestrutura serán os estudantes do ciclo medio de Emerxencias Sanitarias que o centro imparte por segundo ano consecutivo no réxime modular para adultos, o certo é que as instalacións beneficiarán tamén aos doutras especialidades que teñen dentro do seu currículo formación de primeiros auxilios, ademais de servir como escenario para outras actividades relacionadas con este ámbito.
En definitiva, posibilitará ao IES Leixa, dirixido na actualidade por Ana Roel, continuar avanzando nos seus obxectivos como centro, baseados en gran medida en ofrecer ao alumnado unha formación o máis aproximada posible aos contextos reais nos que no futuro poderán desenvolverse como profesionais.
O novo taller de emerxencias, inaugurado onte, é unha mostra máis do traballo que neste sentido se vén desenvolvendo.
O novo espacio dispón, entre outros recursos, dunha ambulancia medicalizada dotada con todo o material que se precisaría para atender un caso real de emerxencia e que ademais foi rotulada por alumnos de Artes Gráficas do propio instituto. O vehículo, de segunda man e adquirido polo instituto en Ourense, foise buscar o mesmo día do fatal accidente ferroviario do Alvia en Angrois, lugar polo que a ambulancia pasou só unhas horas antes do sinistro. Ademais deste recurso, o taller conta con mesas e sillas de estudo, estanterías, pizarra dixital, cañón de proxección e ordenador.
obras
As obras de reforma do espazo foron acometidas pola Xefatura Territorial de Educación, que nos dous últimos anos achegou un total de 100.000 euros en diferentes actuacións, incluida a reforma do taller. O titular do departamento provincial, Indalecio Cabana, que onte asistiu á inauguración, salientou a “boa inversión” que o IES Leixa fai dos fondos recibidos da administración pública, dirixidos a mellorar as condicións formativas “do que máis nos preocupa, que son os alumnos”, dixo.
Tamén valorou o esforzo que desde o centro se fai por establecer colaboracións con institucións e empresas do contorno nos diferentes ámbitos dos que imparten titulacións, como o sanitario, o de artes gráficas ou o de servizos socioculturais e á comunidade.
E é que, tal e como apuntou a directora, Ana Roel, unha das características que definen a forma de traballar deste instituto ferrolán é, precisamente, “tratar de establecer unha estreita relación co entorno e coas empresas para que os alumnos saian o máis preparados posible dacordo coa profesión que van desempeñar así como traballar para adecuar a ensinanza á demanda que hai na actualidade, o que nos obriga a actualizarnos constantemente”.
No acto estiveron tamén presentes representantes da Xefatura Territorial de Sanidade, da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia 061, da Área Sanitaria de Ferrol así como o equipo directivo e profesorado do propio centro educativo, entre outros.
O director de Enfermaría de xestión integrada de Ferrol, Luis Arantón, subliñou a excelente colaboración do centro coa área sanitaria, apostando a continuar neste liña para aproveitar sinerxias que redundan no beneficio de ambas partes. Tamén desde o 061 felicitaron ao centro pola nova instalación e polo tempo récord no que se materializou a reforma.