A “Fía da lá” converte a Cabanas nun referente no mundo das fiandeiras

A “Fía da lá” converte a Cabanas nun referente no mundo das fiandeiras
encontro de fiadeiras Lavandeira

A feira de onte en Cabanas, “A fía da lá”, foi un auténtico espello do sector do mundo das fiandeiras a nivel nacional. O pavillón de Lavandeira acolleu desde primeiras horas da mañá unha concorrida xornada organizada pola asociación de mulleres Cabanas Rural con demostracións, charlas e talleres monográficos sobre o xeito de traballar a lá, o liño, a alpaca, etc. A cita contou este ano con colaboración desde Asturias, a través da Asociación de Mujeres Cuarto de la Riera e da Asociación de Mulleres San Bartolomeu de Insua, a localidade lucense de Vilalba.
Esta VI edición de “A fía da lá”, a máis visitada segundo aseguraron desde a propia organización, foi inaugurada polo alcalde cabanés, Germán Castrillón. Ademais das exhibicións do fiado durante todo o día, recibiu a visita pola tarde da asociación Afaes Portanova, a entidade de familiares e amigos de enfermos psíquicos que quixo visitar o local de Lavandeira para practicar o fiado. Unha posibilidade aberta tamén aos visitantes. A nota musical correu a cargo da agrupación Airiños do Frade.  
A Asociación de Mulleres Cabanas Rural amosou o que está considerado o maior grupo de fiandeiras de España, unhas 30, e entre os atractivos da feira de onte organizou unha demostración do uso de fusos de distintas partes do mundo, como o ruso, o turco, o inglés ou o navajo. Foi unha das curiosidades da aposta á que se engadiron Luís do Acibreiro (artesán de Cabanas que é o único fabricante en España de fusos, rocas, cardas e demais utensilios); Velaivén Artesanía, Alpacas As Bolboretas e Fina Casal Sanesteban. As cántabras Alpacas de la Tierruca non puideron asistir pero enviaron as súas creacións.
Finalmente, no apartado gastronómico, os visitantes ao pavillón de Lavandeira gozaron dos produtos da cooperativa Campo Capela (diferentes tipos de queixos e requeixos), A Casa do Mel, Ferpan, unha nova panadería local, e os licores de Meigas Fóra.

A “Fía da lá” converte a Cabanas nun referente no mundo das fiandeiras

Te puede interesar