Brothers in Band dá esta noite a saída á XXV Festa do Pan de Neda

Brothers in Band dá esta noite a saída á XXV Festa do Pan de Neda
brothers in band /

A Festa do Pan de Neda chega este domingo á súa vixésimo quinta edición e por iso o programa de actividades organizado desde o Concello quere superar ó de anos anteriores e comeza días antes. Ademais, súmase o interese por festexar que, desde hai uns poucos meses, esta celebración conta co título de Festa de Galicia de Interese Turístico, co cal se lle dá relevancia fóra dos límites da comarca. Ó tempo, publicítase un dos valores máis recoñecidos da localidade, a calidade da súa panadería, que se atribúe ás augas do Belelle.
O municipio foi entrando en ambiente cun concurso de pinchos celebrado nos últimos días. Pero xa hoxe comezará o groso dos actos programados, coa actuación estelar de Brothers in Band. Trátase dunha formación que rende tributo a Dire Straits interpretando o seu repertorio dun xeito que fai sentir ós espectadores que están ante o mesmísimo Mark Knopfler cando aínda gastaba cinta no pelo, mallas e botíns. No caso desta banda galega, o seu recoñecemento é tal que realizaron xa máis de 60 concertos por toda España e tocaron en salas tan importantes como Kafe Antzokia, en Bilbao, ou Heineken, en Madrid.
O concerto comezará en torno á medianoite, no paseo marítimo. Antes, desde as dez, haberá “disco-móvil” para ambientar o que se presume como unha actuación con grande afluencia de público.

muíños e nenos
O sábado camiñarase pola mañá e xogarase pola tarde. Ás 10.30 horas sairase do adro da igrexa de Santa María para facer unha andaina, guiada e gratuíta, polos muíños do Belelle. Coñecerase o proceso de elaboración de pan, con degustación incluída. O paseo terá unha duración dunhas tres horas, polo que está previsto o regreso ás 13.30 horas.

xantar
E a partir das seis, no paseo, será a primeira edición do Peke-Pan, unha festa para os nenos coa elaboración deste produto como protagonista. Amasarán e cocerán o seu propio bolo. Completarase a tarde con actividades de animación e xogos. A participación é gratuíta pero, no caso do obradoiro de elaboración de pan, hai prazas limitadas, que se cubrirán por orde de chegada.
A Festa do Pan será o domingo e no paseo, desde as dez da mañá, estarán á venda os bolos, doces e empanadas elaborados polas panaderías participantes. Ó redor das 12.30 dará o pregón o comunicador Xacobo Pérez e entregaranse os premios do concurso de pinchos. A música correrá por conta de Parranda La Nuestra. Xa ás dúas comezará o xantar popular, a base de empanada, arroz con polo, churrasco, bola de Neda e café, ademais, claro está, do pan. Custa doce euros. Tampouco faltará nesta celebración o tiro de corda, con equipos de seis persoas, nin o espazo reservado para que xoguen os nenos, con hinchables. n

Brothers in Band dá esta noite a saída á XXV Festa do Pan de Neda

Te puede interesar