A proba de competencia en lingua castelá abre esta mañá a avaliación de sexto de Primaria

A proba de competencia en lingua castelá abre esta mañá a avaliación de sexto de Primaria
concentracion de ANPAS contra las reválidas en edificio Xunta

A xornada lectiva deste mércores virá marcada, en toda a comunidade galega, polo inicio das probas de avaliación contempladas pola Lomce para o alumnado de sexto de Primaria, que se prolongarán ata o venres.
Nesta primeira xornada, os rapaces terán unha primeira sesión de 60 minutos para a proba de competencia lingüística en castelán; 15 minutos de descanso; outros 25 minutos de lingua castelán; 20 de descanso; e outros 60 minutos para a proba de matemáticas.
Este horario repetirase mañá para as probas de competencia en lingua galega así como en ciencia e tecnoloxía, para rematar o venres cunha sesión máis curta adicada á lingua estranxeira. As probas estarán constituídas por cadernos enviados pola Consellería de Educación aos colexios para cada unha das competencias obxecto de avaliación e serán aplicadas e corrixidas por profesorado do centro que non imparta docencia ao alumnado avaliado.
A avaliación de sexto de Primaria desenvólvese este curso por primeira vez. A esta seguirá, o 24 e 25 de maio, a correspondente de terceiro de Primaria, que xa se desenvolveu no pasado exercicio académico.
Para finais do próximo curso están previstas as correspontes a 4º de ESO e 2º de Bacharelato, que nestes casos, a diferencia das de Primaria –que só teñen carácter informativo–, si condicionarán a obtención do título.

rexeitamento
Desde a Confederación de Anpas Galegas, presidida polo tamén responsable da Federación de Anpas de centros públicos de Ferroltera, Javier Sánchez, reiterouse onte o seu rexeitamento tanto á Lomce en xeral como a estas “reválidas” en particular, por “clasistas, inútiles, clasificadoras, por non inclusivas... Dicimos que non deben facerse porque non melloran o sistema educativo e porque os resultados que debemos consultar e utilizar son os resultantes da avaliación continua do alumnado que realizan os profesionais docentes”, sinalan desde a Confederación nun comunicado. Por todo isto estiveron animando ás familias para que “estes días non envíen aos seus nenos a clase, que non fagan estas probas que para nada lles serven, e que continúen dicindo en voz alta e rotunda: non queremos a Lomce nin as súas reválidas”, engaden. Nesta liña enmarcouse precisamente a nova protesta convocada onte pola tarde na cidade naval por la Federación de Anpas de Ferrolterra diante do edificio administrativo da Xunta na praza de España.
Ese será tamén o escenario da mobilización anunciada polo colectivo para o vindeiro día 23 de maio, véspera neste caso do inicio da “reválida” de terceiro de Primaria.

A proba de competencia en lingua castelá abre esta mañá a avaliación de sexto de Primaria

Te puede interesar