A Fundación Artabria inicia un ciclo de actividades para lembrar os sucesos de marzo de 1972

imaxe do monumento realizado por xoán brage jorge meis
|

Achégase o 41 aniversario dos sucesos do 10 de marzo de 1972 en Ferrol e a Fundación Artabria non quere deixar pasar esta data histórica sen lembrar a Amador Rei e Daniel Niebla, abatidos polos tiros da policía franquista, e os propios feitos nos que foi protagonista a clase obreira galega. Como homenaxe a ela, tanto a Fundación Artabria como o Colectivo Chimarrao comezan hoxe unha xeira de actividades que analizan varios aspectos do pasado e da actualidade do mundo obreiro.

Eliseo Fernández e Bernardo Máiz abren os actos cunha charla ás 20.00 horas no Ateneo Ferrolán

Así, ás 20.00 horas, no salón de actos do Ateneo Ferrolán e baixo o título “Marzo do 72 desde unha perspectiva histórica”, falarán o investigador Eliseo Fernández e o historiador Bernardo Máiz.

 

o mundo sindical

Mañá as actividades trasládanse á Escola Oficial de Idiomas. Ás oito do serán celebrarase o coloquio “O modelo sindical a debate”, para o que a organización avanza que está confirmada a asistencia de representantes da CIG, CNT, COG e CUO.

O venres, oficialmente o Día Internacional da Muller, o local da AVV de Esteiro será o lugar da celebración do acto que, baixo o título de “Marzo do 72 desde unha perspectiva feminista”, contará coa presenza da membro da Executiva Nacional da CIG Laura Bugallo.

Finalmente, o sábado 9 de marzo, a Fundación Artabria e o Colectivo Chimarrao levarán a cabo unha ofrenda floral ante o monumento ao 10 de marzo, obra do escultor Xoán Braxe. O ciclo de actividades despedirase finalmente no Chimarrao cunha sesión vermú e un concerto a cargo do cantautor local Manolo Bacalhau.

 

A Fundación Artabria inicia un ciclo de actividades para lembrar os sucesos de marzo de 1972