O Festival da Terra e da Lingua será no paseo de Xuvia en setembro

O Festival da Terra e da Lingua será no paseo de Xuvia en setembro
o festival da terra e da língua xa se celebrou o ano pasado no paseo marítimo de xuvia l.p.

O Festival da Terra e da Lingua que organiza a Fundación Artabria celebrarase este ano en setembro, os días 13 e 14, no paseo marítimo de Xuvia. Son datas máis tardías do que é habitual, pero este festexo que une música con reivindicación da cultura galega non falta no verán de Ferrolterra e chega á súa décimo terceira edición.
O programa definitivo está por pechar, pero desde a asociación ferrolá avanzaron xa o cartel do día do concerto e outras actividades complementarias que se celebrarán durante o venres e o sábado. Así, a primeira proposta será o día 13, ás oito da tarde, cun debate co título “Facer país construíndo poder popular”. Fai referencia ó propio lema que preside a celebración, xusto no ano no que Artabria cumpre o seu décimo quinto aniversario, “15 anos construíndo poder popular”, en referencia ó seu traballo “polos dereitos nacionais, culturais e lingüísticos de Galiza”. A continuación, ás dez, na carpa do festival, haberá unha foliada coa presenza do grupo compostelano Sessión Vermú, que porá a música na cea popular.
As actividades do sábado comezarán pola mañá, ás 11.30 horas, cun pasarrúas que realizarán precisamente os Sessión Vermú ó longo da estrada de Castela. A continuación celebrarase un xantar.
A tarde estará destinada ós nenos, co xa tradicional “Festivalzinho”, cheo de propostas para os nenos. Tamén os maiores estarán entretidos con xogos populares.
O pregón das 21.30 horas, cun protagonista aínda por determinar, precederá ós concertos. A música correrá por conta de Zënzar, unha banda galega de rock con cuarto de século de traxectoria ás súas costas. Estarán acompañados por Ultraqäns, Sacha na Horta e Colhom de Lola. Todos eles grupos que encherán de enerxía a festa con potentes ritmos.

O Festival da Terra e da Lingua será no paseo de Xuvia en setembro

Te puede interesar