A Deputación destina 220.000 euros a ONG que traballen en América Latina e en África

|

A Deputación da Coruña cofinanciará de novo proxectos de axuda ao desenvolvemento en América Latina, o Caribe e África. Para iso destinará 220.000 euros dos seus orzamentos, que se reparten entre 130.000 para o financiamento de actividades e 90.000 para investimentos. O Boletín Oficial da Provincia do 12 de febreiro publicaba a convocatoria, cunhas bases que especifican unha cantidade máxima de 32.000 e de 20.000 euros, segundo a modalidade, podendo aportar entre o 20 e o 80% do total do orzamento previsto.

O presidente da institución provincial, Valentín González Formoso, subliñou o compromiso continuado da Deputación con este tipo de proxectos de cooperación exterior, “que axudaron a mellorar a saúde, a educación e as condicións de vida de moitas persoas”, apuntou.

Este organismo colabora desde hai anos con programas como “Vacacións en paz”, que permite que os nenos dos campos de refuxiados saharauis pasen o verán fóra dese entorno; ou os da Fundación Tierra de Hombres, que permite o traslado de nenos e nenas desde Togo, Benin, Senegal ou Mauritania para que sexan operados do corazón no hospital da Coruña. Tamén avalan o proxecto de Ledicia Cativa polo que pequenos afectados polo accidente nuclear de Chernóbil pasan as súas vacacións en municipios da Coruña.

Outras propostas levadas a cabo nos últimos anos coa axuda da Deputación inclúen o impulso e mellora de infraestruturas sanitarias e educativas, así como doutros servizos básicos, en comunidades de países coma Honduras, Senegal, Colombia ou India. 

Estas serán tamén prioridades dunha convocatoria pensada para o financiamento de proxectos destinados a fortalecer as necesidades sociais básicas, así como a protección dos colectivos máis vulnerables. Tamén se valoran accións destinadas á solución de conflitos ou á protección e mellora do medio ambiente.

Na adxudicación terán prioridade as accións que inclúan nun plan integral de desenvolvemento da área xeográfica.

A Deputación destina 220.000 euros a ONG que traballen en América Latina e en África