Deica o ano que vén

Deica o ano que vén

Logo deste serial, de seis capítulos, que axiña será libro e -de momento- veu a luz parcialmente grazas á hospitalidade deste xornal co que manteño vivísima cohabitación (que nunca nos falle), chegou a hora do resume. Que nin sequera é o vals das velas, o “Auld lang syne” de Rabbie Burns, que tanto alporizaba a seu paisano, por escocés, Brian Hughes (Brian, canto te botamos de menos en tempos de miseria intelectual) mais un alalá deica o ano que vén. Que xa estou preparando. De momento parolando con Eva Martínez, concelleira de Patrimonio, a quen cheguei con Xaime Bello, sempre tan activista da amizade, e co alcalde Ángel Mato, membros ambos da corporación municipal ferrolá. Trátase de que Ferrol, partida do Camiño Inglés, deixe de ser o único punto deste sen albergue. Seica o edificio de Aduanas será o sitio. E non me parece mal, máis que polo edificio, ningunha marabilla, polo lugar. Tampouco estaría de máis que a oficina de turismo do porto abrise ás 9, un supoñer, que é cando os peregríns adoitan partir. Mais compre arranxar igualmente un pavillón para grupos numerosos, como o do Colegio Logos, o que eu manexo. Que ao non ter onde dormir en Ferrol (si en Neda, Pontedeume, Betanzos, Ordes, Sigüeiro; falo de establecementos municipais) deben viaxar desde Madrid de noite para comezar a peregrinación pola mañanciña. Perdéndose así unha tarde en Ferrol, que pode dar para moito cun cicerone axeitado (disimulen pola inmodestia). En fin, estou seguro de que para o ano, a teor das palabras de Eva e Ángel isto estará arranxado. Non digamos xa para o 2021, Xacobeo. Logo quero dicir que o Camiño, en xeral, está moi coidado, e nalgunha etapa non mancan postos de bebidas, que se pagan coa vontade (no Camiño Inglés, de momento, non hai “hooligans”, nin maleantes disfrazados de peregríns, e si, ás veces, voluntarios para faciltalo). E que nel abundan, logo de españois, os italianos. Nun curioso efecto chamada que me presta moito, parcialísimo como son de Italia. Ora, teño batido con americanos (do Norte), irlandeses, franceses e, mesmo, nipóns e coreanos. Ou sexa, unha asamblea internacional para un Camiño definitivamente cosmopolita. Ao que lle sobra asfalto nalgún treito. E -por riba de todo- cruzar a estrada concorridísima, a N561, para tomar o camiño que nos leva a Pontedeume. A ocorrencia é nova, que antes baixabamos por Batán para acceder, directamente, á praia de Cabanas. O meu grupo segue a facelo pero logo de dar esta perigosa viravolta. Ollo con ela. E agora toca agradecer a hospitalidade da boa xente galega: da que nos dispensan en Neda pouco direi, tan previsible, tan –para mín- terreo propio, mais todo (¡todos!) os que veñen despois, con especial adicatoria para a xente de Casa Avelina (As Travesas/ Carral) quen de exercer de samaritanos cal só os naturais de aquí saben –sabemos- facer. Como xa teño comentado dá xenio ver que no interior de Galicia non soamente medran árbores autóctonas mais florece o idioma propio. Un plus para un Camiño cheo de sorpresas e marabillas. Sigamos nel. E pois falei de Neda, co amor que sempre dispoño no meu berce (e remate), direi que no Albergue non estaría de máis alguén que encarreirase os peregríns cara ao miradoiro de Ancos é á Fervenza. Xa llo comentei a Ángel Alvariño, quen cadrou comigo con ese xentil bo facer que con Ángel vai. E se se trata de voluntarios para este labor, aquí hai un. Lástima fora.

Deica o ano que vén

Te puede interesar