O terceiro Festival Jazz de Ría volverá unir Ferrol e Mugardos a través de música de calidade

Jazz de Ría concierto San Felipe
|

No Festival Jazz de Ría, a música vai da man da posta en valor do territorio a través da cultura para “contribuír a revitalizar a comarca de Ferrolterra”.

Con este espírito chega a terceira edición do programa que a vindeira semana, entre o venres e o domingo, volverá unir os municipios de Ferrol e Mugardos a través do devandito estilo musical. Recoñecidos artistas do panorama galego, estatal e mesmo internacional do jazz actuarán en escenarios ubicados en entornos patrimoniais de gran beleza. Todos os concertos son abertos e gratuitos.

O festival comezará o venres 16 pola noite no Cantón de Cora de Mugardos coa actuación de Manuel Gutiérrez Trío.

O sábado a mediodía, David Regueiro Trío terá o privilexio de estrear o novo espazo que incorpora o festival nesta edición, a zona do Campo do Río, no Seixo.

Pola noite, ás 22.00 horas, será a quenda para Carlos Sarduy Afrocuban Jazz Quartet, proxecto encabezado polo músico cubano Carlos Sarduy, un dos trompetistas de jazz latino con maior proxección internacional.

Domingo 18
Ao día seguinte, o domingo, a actividade trasladarase á Praza Vella de Ferrol para amosar o mellor jazz galego. Alí actuará, ao mediodía, Xacobe Martínez Antelo Trío, finalistas nos Premios Martín Códax 2019 na categoría de Mellor Proxecto de Jazz.

Pechará o encontro musical pola noite Marcos Teira Quinteto Nós, galardonado tamén na mencionada convocatoria como mellor proxecto de músicas do mundo.

O terceiro Festival Jazz de Ría volverá unir Ferrol e Mugardos a través de música de calidade