O público respaldou un ano máis a cita co pasado castrexo do Oenach Atlántico de Sedes

O público respaldou un ano máis a cita co pasado castrexo do Oenach Atlántico de Sedes
O recinto feiral de Sedes despediuse onte dunha nova edición do Oenach mariña m. placer

Cunha gran afluencia de público e unha importante implicación dos visitantes nas actividades deseñadas pola organización clausurouse onte no recinto feiral do Trece a décimo oitava edición do Oenach Atlántico de Sedes.
Na liña do acontecido no día anterior, a derradeira xornada de onte estivo marcada pola variedade dun programa que incluíu, entre outras propostas, unha exhibición canina a cargo do Club de Raza Can de Palleiro, á que seguiu unha representación teatral da compañía comunitaria de Sedes.
A actividade espertou o interese dos asistentes, que tiveron a oportunidade de gozar da interpretación dun colectivo formado a través das escolas do Padroado de Cultura de Narón e que contou coa axuda de Pepablo Patinho para a preparación da peza.
Os xogos populares e o deporte rural acapararon o protagonismo durante a primeira parte da tarde, que proseguiu coa celebración da carreira popular ao Castro de Eiravedra, aberta ás diferentes categorías de idade.
A entrega de trofeos e a actuación da Banda de Gaitas do Padroado de Cultura de Narón pecharon un programa que durante todo o día mantivo a actividade tanto na campa castrexa, con obradoiros didácticos que contaron cunha alta participación e con postos de artesanía, como na zona adicada á gastronomía.
“Un ano máis, estamos moi satisfeitos co gran respaldo que tiveron as diversas actividades”, salientou a concelleira de Cultura de Narón, Marián Ferreiro. “É unha satisfacción para o goberno local o feito de ver que a xente goza deste tipo de convocatorias que permiten, ademais de pasar unha boa xornada, recordar como vivían os nosos ancestros na época castrexa”.
Tanto Ferreiro como a concelleira de Turismo, Natalia Hermida, destacaron a gran afluencia de xente durante a fin de semana en Sedes ao tempo que gabaron unha vez máis o papel da Asociación de Veciños Rosa dos Ventos, da cita parroquia, para organizar conxuntamente con Concello unha festa declarada de Interese Turístico de Galicia.

O público respaldou un ano máis a cita co pasado castrexo do Oenach Atlántico de Sedes

Te puede interesar