“A volta segura ás aulas non é real; quedan moitos temas por mellorar”

“A volta segura ás aulas non é real; quedan moitos temas por mellorar”
Un momento da concentración enmarcada na xornada de folga de onte

“A volta segura ás aulas non é real nin está preto de selo; quedan moitas cuestións por mellorar”. Así o denunciaba onte o representante da Federación de Ensino de CCOO en Ferrol, Ero Sante. Na mesma liña expresábase a secretaria comarcal de CIG-Ensino, Antonia Martínez: “A volta segura ás aulas aínda non se conseguiu”.

Ámbolos dous participaron na concentración celebrada diante do edificio administrativo da Xunta na cidade naval no marco da xornada de folga para o profesorado de ESO, Bacharelato, Formación Profesional e ensinanzas de réxime especial promovida onte, día do comezo do novo curso nos devanditos niveis, por estas dúas organizacións sindicais xunto a STEG e CSIF.

A acción de protesta, apoiada polas federacións de Anpas de centros públicos e os colectivos estudiantís Erguer e Anega, serviu para poñer de manifesto, unha vez máis, o absoluto rexeitamento aos protocolos establecidos pola Consellería de Educación e a pésima xestión por parte desta administración do inicio do novo curso académico.

No caso dos niveis que onte iniciaron o regreso progresivo ás aulas –as xornadas de presentación dos diferentes cursos prolongaranse ata mañá venres–, criticaron que a dotación extra de profesorado realizada pola administración galega segue a ser insuficiente, en moitos casos, para poder cumplir coas medidas de seguridade con total garantía. 

“Hai centros que, a pesar de ter espacio físico para poder facer desdobramentos, non os poderán realizar por non ter docentes suficientes. Tamén haberá casos de aulas nos que algúns alumnos e alumnas teñan que empregar mamparas e outros compañeiros non”, comentou Martínez.

Criticou así mesmo que non se teña dado resposta aínda da reclamación de que se adapte o posto de traballo ao persoal tanto docente como non docente con patoloxías graves ou mulleres xestantes.

“Todos os centros están desbordados”, apuntou. “Retrasouse o curso e aínda estamos nas mesmas”, engadiu a representante da CIG-Ensino na comarca de Ferrolterra. A demora na adxudicación do profesorado, que aínda tomou posesión nos seus novos postos esta mesma semana, foi outra das cuestións criticadas polo sindicato.

Descontrol
Desde CCOO, Sante denunciou unha vez máis o absoluto descontrol nos cambios das instrucións que ao longo deste mes foron recibindo os colexios e institutos así como os problemas que as baixas de profesorado poidan ter durante o curso en planteis que xa están ao límite. Con respecto ao profesorado de Educación Infantil e Primaria, asegurou que están a facer máis horas semanais das que lles corresponden por mor das gardas de transporte á entrada e saída dos centros e das gardas de corredores e baños nos recreos, apuntou.

“A volta segura ás aulas non é real; quedan moitos temas por mellorar”

Te puede interesar