Un manifesto nado na discrepancia política 2 (LXXV)

Un manifesto nado na discrepancia política 2 (LXXV)
Estracto do manifesto “Máis Alá”

Dicía na última entrega que se sabe, por unha carta de Manoel-Antonio a Álvaro Cebreiro datada o 27 de decembro de 1921 que o manifesto ¡Máis alá! estaba en xestación desde antes desa data. E dicía tamén que, moi posiblemente, a redacción final do manifesto non tería sido a mesma de non se ter producido, nos días finais dese ano 1921, o cese de Villar Ponte como director d’A Nosa Terra. Manifestacións en termos como estes de Cebreiro (“Agora que dirixen ‘A Nosa Terra’ vellos académicos estaría ben que se publicara” ou do propio Villar Ponte (“Coido, porén, que o seu manifesto non estaría de máis agora”) realizadas en días inmediatamente posteriores parecen evidencias claras neste sentido. Villar Ponte fixera público o seu afastamento tanto da Irmandade coruñesa como do seu boletín d’ A Nosa Terra, por medio dunha carta –que reproducín na entrega LXV–, datada o 31 de decembro de 1921, dirixida aos directores dos diarios coruñeses que estes recolleron nos seus números de 1º de xaneiro de 1922: “desde esta fecha cesa en absoluto mi intervención en la ‘Irmandade da Fala’ y en la revista ‘A Nosa Terra’, cuya dirección vine ejerciendo hasta ahora”.
Da publicación desa carta pola prensa da Coruña falaron varios diarios doutras localidades, algún deles, como La Región, ao parecer, con falta de exactitude. Isto motivou que outro diario ourensán, La Zarpa, no número de 5 de xaneiro, se sentise obrigado a facer algunha matización:
“Nuestro querido amigo Antonio Villar Ponte ha enviado a los periódicos coruñeses una carta diciendo que cesaba su intervención en la ‘Irmandade da Fala’ de aquella capital y en la dirección de la revista A Nosa Terra.
Por cierto que un periódico local, La Región, al dar cuenta de esta noticia, incurrió en una inexactitud al decir que el señor Villar Ponte ‘se separaba’ de dicha Irmandade.
El batallador nacionalista no ha hecho sino dejar de intervenir por el momento en los trabajos cotidianos de la citada colectividad, pero no darse de baja como uno de los afiliados de mayor significación en el ideal nacionalista, al que seguirá prestando el calor de su espíritu y la cooperación de su pluma culta y prestigiosa”.
Outro detalle que contribúe a reforzar a idea de que o manifesto tería sido diferente no caso de que non se tivese producido a defenestración de Villar Ponte como director d’A Nosa Terra é a terminoloxía utilizada para se referir aos autores da mesma: “aquela xente”, “calquera”, “os señores de ‘cuota 1 peseta’, “esta gente”, “horteiras analfabetos”..., que figura nas cartas ás que xa fixemos alusión.
Pero dous meses despois o manifesto seguía estando en xestación.
En carta de 7 de marzo, Villar Ponte coméntalle a Manoel Antonio: “Lin a carta que lle enviaches ao Cebreiro. Compre que traballen un manifesto e que o publiquen. Pro débese, ao meu xuicio, sintetizare moito. Que todo n’él vaya concentrado. Pra que se leia d’unha asentada- As cousas asina son as que fan efeito nas xentes. Ademais asina vai ser mais doado imprentalo axiña.
Xa falarei c’o Cebreiro encol d’esto, e logo que él faga un esquema, basado no seu, que llo envíe, pra que vosté lle engada o que lle pete”.
Aproveita a carta para lle comentar algún suceso criticable da Irmandade da Coruña, particularmente de Peña Novo, como o de lle facer un gran servizo aos caciques coa súa intervención na Asemblea de Deputacións Provinciais –como dicía en El Noroeste dese mesmo día 7– ou por terse expresado en español para saudar a Tuna de Valladolid.
Por outro lado, Ramón Villar Ponte, nas letras que lle pon na mesma folla que a carta de Antón, manifestáballe as súas sensacións sobre o futuro da ING: “Degóirame porque escomece a pôrse en vigore a nova orgaización. Aínda o optimismo non é conmigo”.
O 17 do propio marzo, Manoel Antonio, ilusionado coa nova formación,. respondeu brevemente a Ramón: “Xa me supoño o intrés con que siguirás os traballos de afinamento d’a nova orgaización. A min tamén me teñen ousesionado; [...] Principalmente a austención d’a política é de supor que teña moitos enemigos, encol de todo n-a Cruña, dando ocasión a moitos espeutagos, edificantes e non edificantes; non me surpresaría calquer rebeldía de calquera”.
Días despois, o 21, escribiulle Cebreiro: “E imos a falar do manifesto. Antonio, que creio escreveute días atrás, axudoume algo na labor de achicamento. Ainda non está amañado de todo. Logo recibira-lo has para engadirlle o que creias comenente. ¡Lástima o non habel’o argallado o dia do “homenaxe” Curros, Pondal, Chané! O dos quartos non sei como vai ser. Mais creio eu non han faltar. En derradeiro caso uma suscriçon...”.
Case un mes despois o manifesto semellaba estar finalizado. Así, o 17 de abril, Villar Ponte e Cebreiro mándanlle xuntas cadansúa carta. Antón –que así é como a asina– dille: “Limos e relimol-o seu manifesto. A min pareceme insuperabel. Coido que non percisa nin mais engádegas nin ningunha chatadura. Cando o lêra a primeira vez, fora en voz outa, e eu non poido apreciar ben as cousas que leio en voz outa. Agora lino pra min soio, e atopeino xurdio. Entendo que debe darse á imprensa axiña. Unha edición modesta de 200 exemprares ou pouco mais, pouco ha subire. Vexa, pois, si en Santiago, por exempro, hai imprenta que o faiga barato, e a imprentalo: eu axudarei â imprentación. Repítolle que reitifiquei, n’unha segunda leutura, o xuicio primeiro, e que o acho notabre. Non se esqueza de por man ao choyo”.
Cebreiro limítase a ratificar o dito por Villar Ponte: “Opino o mesmo que Antón respeito do Manifesto, e coido conviña imprental-o ajiña. Se é polos quartos, amañaríamo-lo”.
Unha semana despois, o 25, o artista mandoulle nova carta onde lle daba conta de que xa lle enviaran o manifesto e que supuña que xa debería estar no seu poder. Ao tempo lembráballe as correccións que debía facer:
“Esquecínme de decerche que, no manifesto hai que chatar todol’os nomes (Solá, etc.). E un honor pra ises señoreso que sayan seus nomes en un documento que será histórico. Asimesmo chata o ‘do’ que me puxeches entre o meu nome e o meu apellido. Acordei firmar todo sen dito ‘do’. E despois, coida o mellor que poidas do idioma”.
Días despois, o 30 de abril, Manoel Antonio escríbelle a Risco para agradecerlle as atencións que recibira en Ourense -cando a Asemblea de Monforte-; para facerlle saber que na nova organización estaba adscrito á delegación de Vigo e máis da próxima saída á luz do manifesto:
“Tamén é posibel que deica poucas datas saia a ‘chamada’ (non me atrebo a dicir ‘manifesto’) que él (refírese a Cebreiro) e eu facemos á mocedade galega. É unha cousa de moi pouco mérito, pero como compre facer algo n-ese senso e os que puderan facel-o mellor que nós non-o fan, alá imos; que a boa intención nos salve”.
Mais, esas poucas datas acabaríanse convertendo en dous meses.
Por fin, en carta datada “Rianxo-28-San Xoán-22” Manoel Antonio comunícalle a Cebreiro: “Amigo Cebreiro: Unha moitedume de oustagos, rifando c’o meu desexo, impidiron que o manifesto saise d’a imprenta deica hoxe. Velaí vai. Ten algunhas errandas que se me pasaron ó facer a correición de probas (v.g. n-a paxia 4 liña 12 dí Losada en vez de dicir Lamas, resultando o premeiro repetido e carregando con todo o peso d’a nosa carraxe cando debía repartir c’o segundo). Mando-che 100 esemprares pra espallar n-a Cruña, Ferrol, Lugo e, si queres, algún no Estranxeiro (Madrí e Portugal). Son poucos pero iso arromba-se pondo-os n-os puntos ‘estratéxicos (diarios, Irmandades, Sociedades, amigos ou xente que o mereza).
Eu encarrego-me de Ourense, Vigo, Pontevedra, Santiago, etc”.
De paso, aproveita para preguntarlle pola Irmandade da Coruña e darlle algunha información e opinión ao respecto: “Como anda a Irmandade d’a Cruña? Eu non-os entendo, inda que dito sexa en verdade, non teño tampouco moitos elementos pra xuzgal-os. Foron a Santiago, á Mocedade, a facer propaganda en contra d’os acordos de Monforte, mais que nada d’a austención política; en troques, no derradeiro númaro d’ ‘A Nosa Terra’ ven un artigo manifestamente antipolítico. Iso está moito arreboado. Viqueira, segue de 1º Conselleiro?”.
As preguntas e comentarios desa índole eran normais. Non corrían bos tempos para actuacións unitarias do nacionalismo.

Un manifesto nado na discrepancia política 2 (LXXV)

Te puede interesar