A Casa das Palmeiras de Neda acollerá este venres, ás 20.00 horas e con entrada libre, un recital poético a cargo de Vicente Araguas e David Rey Fernández. Organizada pola Concellería de Cultura, a iniciativa une a dúas xeracións poéticas separadas por idade, lingua e sensibilidade pero unidas polo seu afervoado impulso lírico.
No caso de Vicente Araguas, colaborador habitual deste xornal desde hai anos, o nedense recitará versos dos seus últimos poemarios como o desapercibido “Cando fora nevar”, “Xuvia revisitada” e algunhas pezas do seu próximo traballo poético, que aínda está por editar. Fronte á poesía da experiencia, escrita en galego, está á poesía do coñecemento, neste caso en castelán.
O avogado ferrolán David Rey Fernández foi o gañador en 2009 do XII Premio de Poesía Joven “Antonio Carvajal” por “Las alas de una alondra madrugando”, un dos poemarios de maior éxito de vendas durante semanas da prestixiosa editorial Hiperion. Neste caso, e de maneira conxunta con Araguas, Rey Fernández ofrecerá o seu primeiro recital público, unha escolma de versos do seu premiado traballo así como novos poemas.