“O horario lectivo de Educación Física non chega á cuarta parte do indicado pola OMS”

“O horario lectivo de Educación Física non chega á cuarta parte do indicado pola OMS”
Imaxe de sete dos oito profesionais que forman a xunta de goberno do Colef Galicia

Un ferrolán, Henrique Xoán Rodríguez Pantín, sitúase desde finais do pasado ano á fronte da presidencia do Colexio Oficial de Licenciados en Educación Física e en Ciencias da Actividade Física e do Deporte de Galicia (Colef). A defensa dos intereses profesionais dos colexiados –ante a falta dunha regulación profesional do sector–; o incremento do número de participantes (740 na actualidade, dos que 598 son exercentes) para mellorar a fortaleza do colectivo; un maior achegamento á poboación galega; e a colaboración con entidades públicas e privadas na organización de actividades que procuren un maior benestar na poboación son algúns dos obxectivos para os vindeiros catro anos. Xunto a Rodríguez Pantín, outro ferrolán, Xurxo Pena, asume a vicepresidencia dunha xunta de goberno da que tamén forman parte Alexandre Fernández (secretaría), José Eugenio Rodríguez (vicesecretario), Diana Varela, Vicente Gambao, Xoana Rois y Olalla Vilela (vocais).

Cales son as principais reivindicacións do colectivo de profesionais da Educación Física?
A regulación profesional e a mellora das condicións laborais. O feito de que non haxa unha regulación profesional en Galicia das actividade físico-deportivas é a orixe de moitos dos problemas que agora temos. É un proceso longo, porque Galicia non ten transferidas as competencias para poder facer esa regulación, pero queremos, polo menos, sentar as bases para que se leve a cabo nun futuro non moi distante.

Que consecuencias ten esta falta de regulación?
Esta falta de regulación permite que persoas que non teñen a formación adecuada estean traballando neste sector, ocupando postos de traballo que corresponden a titulados universitarios en Educación Física e Deporte. Isto provoca que as condicións laborais sexan ás veces bastante malas, combinando xornadas de traballo longas con soldos baixos. É lamentable que aínda haxa concellos que non exixan ningunha titulación específica de actividades físico-deportivas para ocupar estas prazas.

Hai pouco, o Colef amosaba o seu malestar coa Consellería de Educación por non ter contado con vostedes para o de-senvolvemento da campaña de prevencións para lesións para escolares, que encomendou ao colexio de Fisioterapeutas. Que demandades da Xunta neste sentido?
En primeiro lugar, debería haber unha explicación de por que se decide realizar unha campaña para impartir dentro do horario lectivo uns contidos propios do currículo oficial de Educación Física en Educación Primaria, Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato, que xa se levan moitos anos impartindo. Nós solicitamos á Consellería que rectifique e, se continúa coa intención de levar a cabo esa campaña, teña en conta para a súa elaboración e difusión ao Colef Galicia, a outras entidades do ámbito da Educación Física e ao profesorado de Educación Física de Galicia.

Cales son eses contidos?
Nesa campaña só hai un contido (previr lesións músculo-esqueléticas provocadas por malas posturas) que pode ser tratado conxuntamente entre os profesionais da Educación Física e os fisioterapeutas; os outros contidos (crear conciencia de xogo saudable, promover o xogo en grupo e ensinar a compartir e impulsar a relación do/a neno/a coa súa contorna, estimulando a coordinación e o seu desenvolvemento motriz) son específicos da Educación Física e non poden ser impartidos por outros titulados universitarios sen formación en Educación Física e Deporte e, moito menos, dentro do horario lectivo.

Que beneficios podería ter unha maior presenza da materia de Educación Física no horario lectivo dos escolares?
Se a Educación Física tivese unha maior presenza no horario lectivo, poderíase contribuír a unha mellor saúde da poboación en idade infantil e xuvenil. É moi importante poder afianzar unha serie de hábitos beneficiosos para a saúde que, xunto coa formación máis ampla que recibirían os alumnos, axudaría a loitar contra o sedentarismo e as doenzas que leva asociadas.

Cal considerades que sería a cantidade idónea de horas semanais a impartir?
Respecto á cantidade idónea de exercicio, a OMS recomenda nestas idades a práctica de actividade física moderada ou vigorosa durante un mínimo de 60 minutos diarios. Somos conscientes de que nestes momentos non vai haber unha modificación dos plans de estudos que inclúan unha clase diaria de Educación Física. Pero o horario actual non chega á cuarta parte desa recomendación. Temos que ter en conta que as clases teñen unha duración de 50 minutos e, quedando un tempo efectivo de clase de 35-40 minutos, representa 70-80 minutos á semana. Ademais, consideramos que dentro do tempo de lecer os rapaces tamén deben realizar exercicio físico. Por iso cremos que, na actualidade, 3 clases de Educación Física semanais son necesarias para asegurar un tempo mínimo de práctica que poida ter efectos beneficiosos e que sirvan para afianzar o hábito de realizar exercicio físico.

Que papel podedes xogar os profesionais da Educación Física no ámbito da saúde?
Aínda que todo o mundo sabe que o exercicio físico é bo para a saúde, non todas as actividades físicas son iguais, e non se mellora a saúde polo simple feito de facer calquera tipo de exercicio, senón que é necesario que os exercicios teñan unha serie de características para que produzan efectos beneficiosos. Ademais, esa práctica de exercicio físico debe estar adaptada ás características e circunstancias persoais.

Que cómpre facer para acadar isto?
Debe haber una planificación do exercicio físico e unha supervisión polos profesionais titulados en Educación Física e Deporte, de tal xeito que se controle a duración, intensidade, execución dos exercicios, equipamento deportivo empregado e outros factores que nos permitan garantir que o exercicio físico é beneficioso para a saúde. En relación con este tema está unha das propostas que imos presentar á Consellería de Sanidade, que é a colaboración cos servizos de saúde para elaborar e supervisar programas de exercicio personalizado, seguindo as prescricións do persoal sanitario, como xa se está facendo en Extremadura.

Que perspectivas laborais se presentan na actualidade para os recén titulados na profesión?
Actualmente non son boas, nin no sector público nin no sector  privado. Como comentei antes, a falta dunha regulación profesional en Galicia deixa a porta aberta a que persoas sen titulación e sen formación nesta ámbito estean ocupando postos de traballo do noso sector, o que fai que moitos titulados estean no paro ou dedicándose a outros traballos. 

Que razóns lles daría para que se colexiaran?
O colexio profesional ofrécelles asesoramento, formación continua, un seguro de responsabilidade civil, asesoría legal; é dicir, os servizos propios dun colexio profesional. Pero tamén é un lugar para compartir experiencias con outros colexiados e para ser escoitado, para canalizar as dúbidas ou problemas que poden xurdir na actividade laboral. E a razón principal é que un colexio forte lograría máis facilmente os seus fins.

Que tipo de actividades promovedes desde o Colef?
As principais actividades que promovemos son as de formación continua para os profesionais, organizándoas ás veces con outras entidades, pero imos empezar a facer tamén actividades dirixidas á sociedade en xeral, para concienciala da importancia do exercicio físico para a saúde, proporcionándolles unhas pautas para que esa práctica de exercicio físico sexa saudable.  Este mes temos unha actividade formativa para profesionais e en abril outras dúas para a poboación en xeral: unha en Ourense, no marco da Feira da Saúde e outra en Santiago.

“O horario lectivo de Educación Física non chega á cuarta parte do indicado pola OMS”

Te puede interesar