O pasado domingo o Auditorio de Cedeira ficou pequeno para asistir á representación do espectáculo de canto e baile “Aires de La Habana”, un traballo da asociación cultural Buxainas considerado xa un fito na historia local no eido da recuperación da cultura tradicional.
Ademais dos cedeireses, máis de 300 persoas de localidades máis próximas como Cariño, Ortigueira, Cerdido ou Ferrol sumáronse a outras da Coruña e Santiago que quixeron coñecer polo miúdo este espectáculo que implica a medio cento de protagonistas de moi diferentes idades nun claro elenco interxeracional. “Aires de Las Habana” inclúe temas recollidos en diversas localidades da provincia da Coruña así como na comarca de Ferrol e Ortegal. Trátase de cantos de labor, muiñeiras, xotas, maneos e otros ritmos perfectamente contextualizados dentro do traballo.
aposta didáctica
Segundo asegurou Buxainas, o espectáculo está pensado para dalo a coñecer noutros ámbitos. Así, agardan poder amosalo noutros concellos, colexios e entidades culturais, xa que se trata dunha aposta “eminentemente didáctica”.
A cerna de “Aires de La Habana” consiste nunha aposta escénica na que é básico o apartado audiovisual feito para a obra. Unha peza que narra a vida de dous nenos, desde o seu nacemento ata que son adultos, na Galicia de comezos do século XX. Como uns teñen que emigrar a Cuba, o que sucede ao seu regreso á aldea e as novidades que traen con eles. Este punto de partida, cun contraste tan común para a época, serve como pretexto para explicar a estética de certos ritmos galegos, que é o que se canta e baila, de onde vén e por que se fai dese xeito concreto.