Unha mostra afonda na sensibilidade paisaxística do pintor Imeldo Corral

Unha mostra afonda na sensibilidade paisaxística do pintor Imeldo Corral
Copia de Diario de Ferrol-2013-10-09-015-9915dba3 copia

Baixo o título “Imeldo Corral. Paisaxista das irmandades” a sede da Fundación Novacaixagalicia inaugura ás 20.00 horas unha exposición sobre o pintor ferrolán Imeldo Corral (1889-1976) da man do crítico Carlos L. Bernárdez, comisario da iniciativa. Conformada por 30 óleos e tres publicacións pertencentes á Biblioteca Xeral da Universidade de Santiago de Compostela, a exposición permanecerá aberta ata o 11 de xaneiro en horario de luns a sábado de 11.00 a 14.00 horas e de 18.00 a 21.00.
A través dos 30 óleos preséntase, segundo os organizadores, “a un Imeldo Corral na súa esencia máis pura, que pon en evidencia ao paisaxista, ao creador que entendía con naturalidade a relación do ser humano co medio e ao pintor que soubo loar a sinxeleza do rural galego”.
A obra de Imeldo Corral que se exhibe en Ferrol responde ao ambiente de comezos do século XX, un momento social cheo de carencias, emigración e conflictos, a etapa na que se comezaba a manifestar a ruptura do mundo agrario e mariñeiro tradicional  que caracterizou á modernidade. Nesta sociedade en cambio, Corral reacciona enxalzando pictoricamente a natureza rexa e sinxela de Galicia para contrapoñer o marco ideal da sociedade tradicional co desarraigo da sociedade moderna. Ese ollar seu marcado pola estética aséntase nunha percepción naturalista cun fondo de influxos modernistas e simbolistas. O seu paisaxismo mantén un substrato romántico, afastado de ornamentación, co uso expresivo da mancha no sentido que o pintor tiña da paisaxe.

compromiso ideolóxico
A postura estética e ideolóxica de Corral participa dun galeguismo que admira o modelo de vida tradicional e responde ao mesmo en termos estéticos. Imeldo Corral é fillo do seu tempo e viviu inmerso nos debates ideolóxicos e culturais da Galicia anterior á Guerra Civil (mantivo, por exemplo, unha estreita amizade co poeta vangardista Manuel Antonio); comprometeuse coas Irmandades da Fala e manifestou sempre unha paixón por Galicia e o seu territorio, postura que aparece ligada a unha actitude reivindicadora do mesmo.

Unha mostra afonda na sensibilidade paisaxística do pintor Imeldo Corral

Te puede interesar