As actividades da rede en Ferrol e A Coruña

As actividades da rede en Ferrol e A Coruña

Para os británicos, era fundamental ter unha estrutura organizada e Ferrol que puidese proporcionalos a maior información posible e ademais estaban en boas condicións de establecer en Ferrol estes contactos, porque ás naturais simpatías dos republicanos españois pola causa aliada durante a Segunda Guerra Mundial, se engadía a bóa lembranza cara aos británicos que intercederon con éxito nas primeiras semanas da guerra civil para salvar a vida dalgúns detidos, papel no que destacaron algúns técnicos ingleses que traballaban nos estaleiros e que estaban casados con ferrolanas.
Non obstante, a detención en marzo de 1942 do comunista Saturno Arias do Río, cun listado de contactos británicos, entre eles Francis Beyew, foi un duro golpe, porque a partir dese intre, a vixilancia sobre os diplomáticos británicos e sobre os ferrolanos con vínculos ingleses, se intensificou tanto que se fixo necesario reconstruír a rede de espionaxe na cidade departamental a través de Lorenzo San Miguel Martínez.
En agosto de 1942, a rede captou en Ferrol o mestre armeiro César Quiñones Rosdríguez. Pedíuselle que subministrase os planos das baterías de costa e aceptou. Un amigo seu e mariñeiro do Císcar. Álvaro Tébar, actuaría como axente. A información é confusa e non está acreditada, pero aparentemente contactaron nin máis nin menos cun tenente coronel de enxeñeiros ou infantaría, pero que pediu para facilitar planos detallados das baterías, 30.000 pesetas e un soldo mensual de 1000 pesetas ao mes, polo que foi rexeitado. 
César Quiñones Rodríguez era o axente “P”. Casado e natural de Grado (Asturias), vivía en Ferrol (Rúa Espartero 47, baixo). Tiña 39 anos e 1.65 centímetros de altura, era auxiliar de Obras e Talleres do corpo auxiliar, coa condición de suboficial e estaba destinado ao Rexemento de Artillaría Mixto número 2. A policía tíñao catalogado como persoa de boa conduta, sen antecedentes penais, pero antigo simpatizante dos partidos da esquerda, aínda que “siempre criticó las ideas comunistas”. Se lle consideraba adepto ao Movemento Nacional porque as autoridades crían que se reciclara ideoloxicamente. De feito estaba afiliado á Falange.
Para axudalo, recrutouse a Álvaro Tebar (axente “Q”), de 21 anos, natural de Gijón e que prestaba servizos no destrutor Císcar como repostero do comandante. Era amigo de Miguel Mauro Estévez García quen llo presentou a Lorenzo San Miguel Martínez. Os informes policiais acredítano como apolítico, aínda que nunha primeira declaración confesou que simpatizaba cos ideais esquerdistas. Xogou un papel moito menos importante que César Quiñones Rodríguez, como simple enlace, aínda que ocasionalmente facilitou información sobre a Escuadra (movementos de buques, detalles da artillaría, de lanzatorpedos, así como de petroleiros ancorados en Ferrol).
A rede de espionaxe británica en Ferrol completouse cos irmáns Sol e Víctor Verano Bértalo Blanco (axente “AB”), membros dunha familia vinculada ao anarquismo ferrolano. Outro irmán, Francisco, foi un famoso cabo da República que aparece no libro de Benavides “La Escuadra la mandan los cabos” e que viviu exiliado en Francia ata que regresou nos anos sesenta coas súas fillas Maríe France e Libertad. 
Víctor Verano estaba casado con Herminia Domínguez González, era pintor de profesión, natural e veciño de Ferrol. Nun informe policial consta con boa conduta e noutro con mala. En ambos os casos con antecedentes esquerdistas, Ao pertencer á CNT, pero non ter desempeñado cargos de responsabilidade, estaba libre. Foi detido na folga de outubro de 1934 por repartir propaganda ilegal. Como soldado de substitución foi destinado ao rexemento de infantaría de Burgos 31 con sede en Astorga, onde fixo amizade con Lorenzo San Miguel Martínez.
Cando estalou o golpe de estado estaba de permiso en Ferrol e non se presentou no seu destino, é dicir, desertou. Foi capturado e trasladouse forzosamente á Legión como castigo (a outra opción era o pelotón de fusilamento). Hai un episodio que non sei ben como interpretar, pois estando en Serós (Lleida), se di nun informe das autoridades que intentou voar unha ponte para facilitar unha manobra do inimigo e copar os nacionais. Sometido a xuízo sumarísimo foi castigado a só seis meses a un Batallón Disciplinario, algo sorprendente, xa que o normal tivese sido o paredón de fusilamento.
Regresou a Ferrol en 1940 e traballou primeiro como mariñeiro nun mercante e logo como pintor. Cando o seu amigo Lorenzo San Miguel Martínez chegou a Ferrol para contactar, aceptou formar parte da Rede, entregando planos e informacións diversas das instalacións costeiras.
O seu irmán, Sol Bértalo Blanco, tiña 31 anos, estaba solteiro e vivía na Rúa Vicetto 19, baixo e traballaba como plomero-tubero na Construtora Naval de Ferrol. Xa no comezo da guerra foi contactado polo cónsul británico Willian Gray para actividades relacionadas coa espionaxe. 
Cando Lorenzo San Miguel non podía desprazarse á cidade departamental, mandaba a Florentino Arias Moral, un dos seus axentes. Tratábase dun veciño de Sama de Langreo que traballaba nun taller eléctrico de León chamado “La Voz de León”, propiedade doutro membro da rede chamado Manuel Mauro Rivero San Juan. Coa escusa de entregar pedidos a clientes, viaxaba a Galicia levando uns sobres pechados e lacrados que debía entregar e recibir outros a cambio.
O seu contacto na Coruña era Ángel García Díez (axente “E”), casado, natural de León e veciño de Coruña, con informes policiais de boa conduta, de ideoloxía esquerdista e sen antecedentes penais. Proporcionaba información da Fábrica de Armas onde traballaba, con partes periódicos acerca da produción de armas, do seu destino e saída. Tamén informaba da entrada e saída de buques no Porto. Ademais tamén captou o seu amigo Alberto Álvarez García (axente “Z”), pintor na Mestranza da Fábrica de Armas de Coruña, natural de León e veciño de Coruña, con informe policial de boa conduta, de ideoloxía esquerdista e sen antecedentes penais. 
Os contactos na Coruña facíaos no bar Minerva e despois, viaxaba na liña de autobuses “El Ideal Galego” ata Ferrol, onde na mesma parada o esperaba César Quiñones Rodríguez.
Podemos coñecer as actividades dos axentes da Rede en Ferrol e Galicia grazas ás mensaxes encriptados que caeron en mans da Garda Civil tras sorprender a Lorenzo San Miguel e matalo, sen que tivese tempo a destruílos. É posible que esta mensaxe que reproducimos abaixo fose a chave para descifrar a clave empregada por Lorenzo San Miguel para intercambiar as mensaxes e informes coa Embaixada do Reino Unido. No orixinal, non había palabras en negrilla. Están sinaladas así para favorecer a comprensión do lector.
 

As actividades da rede en Ferrol e A Coruña

Te puede interesar