As dúas plataformas marcharán xuntas o vindeiro xoves contra a Lomce do PP

Diario de Ferrol-2013-10-19-012-cca799a2
|

As dúas plataformas constituidas  o pasado ano na comunidade galega en defensa do ensino público e contra a reforma educativa do ministro José Ignacio Wert –a Lomce– marcharán xuntas na manifestación que o vindeiro xoves terá lugar en Ferrol no marco da xornada de folga convocada a nivel estatal para protestar polas políticas educativas do goberno do Partido Popular e esixir a retirada da devandita norma. A marcha partirá ás 11.30 horas da praza de España.
A mobilización terá lugar case dúas semanas despois da aprobación o pasado día 10, no pleno do Congreso dos Deputados, do proxecto de Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa, respaldada exclusivamente cos votos a favor do partido do goberno, o PP.
Os grupos parlamentarios da oposición votaron en contra deste proxecto e manifestaron publicamente o compromiso de derogala no momento en que exista  outra maioría política no Parlamento español. A pesar desta oposición, o ministro asegurou continuar adiante coa Lomce coa intención de aprobala en decembro para así poder aplicar as primeiras medidas no curso 2014/2015.

rexeitamento
A Federación de Anpas de centros públicos de Ferrolterra, presidida por Javier Sánchez, expresou onte a través de un comunicado o seu total rexeitamento a un proxecto de lei que naceu “sen o necesario consenso social, porque é profundamente antidemocrático, centralizador,  mercantilista, privatizador, confesional e elitista”.
A Feanpas entende que a educación é parte dun proceso formativo global, e que a calidade no sistema educativo baséase en conseguir un modelo participativo –onde estea presente a totalidade da comunidade educativa– e integrador –que preste especial atención á diversidade– potenciando ademais as capacidades dos alumnos.
Para acadar este modelo, din, “é imprescindible dotar ao sistema dos recursos necesarios”, e non establecer, como critican que fai a Lomce, “normas segregadoras que expulsan temperanamente ao alumnado do sistema, desviándoo cara unha formación profesional que o propio sistema devalúa”.
Aínda que recoñecen que o sistema educativo actual é mellorable, desde a Federación consideran que o primordial sería analizar as causas que provocan o fracaso, uns problemas que teñen moito que ver, engaden, coa falta de recursos necesarios para poder desenvolvelo con eficacia (recortes en atención á diversidade, nos orzamentos para a mellora de infraestruturas, nos servizos e tamén na formación dos docentes, entre outros).
Por todo isto, desde a Federación de Anpas convocan a todas as familias para participar na folga convocada polo conxunto da comunidade educativa propoñendo a todas as nais e pais de alumnos que o vindeiro xoves día 24 non leven aos seus fillos as aulas. Tamén fan un chamamento para participar na manifestación prevista. n

As dúas plataformas marcharán xuntas o vindeiro xoves contra a Lomce do PP