A festa primaveral “Ferrol, de frores cuberto” reunirá mañá a preto de 2.000 escolares

Imaxe dun momento da celebración do pasado ano
|

O encontro primaveral “Ferrol, de frores cuberto” organizado pola Coordinadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra e o Concello de Ferrol segue incrementando a participación na que será a súa terceira edición. Preto de 2.000 escolares e o centro de maiores Geriatros reuniranse mañá venres na Praza de España para gozar dunha xornada interxeneracional e de convivencia arredor dos maios.
O programa, presentado onte no consistorio local polo concelleiro de Cultura Suso Basterrechea e Xil López, en representación da Coordinadora, dará comezo ás 10.30 horas para se prolongar ata as 12.30. Durante este tempo, os centros educativos –todos son da cidade naval agás o CEIP de Piñeiros de Narón– amosarán as composicións florais elaboradas estes días así como as cantigas e danzas alusivas á unha cita que pretende potenciar esta tradición.

O grupo Teatro dos Ghazafelhos será o encargado de conducir un evento que estará amenizado coa música de Paco Cerdeira “Pakolas”, que incluirá no seu espectáculo unha canción inédita, composta especialmente para a celebración ferrolá.
“Esta é unha festa ben fermosa, enfocada á comunidade escolar, que busca reivindicar as nosas tradicións e aproveitar a concentración para facer unha convivencia entre os distintos centros escolares de Ferrolterra, tanto públicos como privados, e fundamentalmente a nosa cultura desde a nosa lingua”, subliñou onte Basterrechea.
No ecuador da xornada, repartiranse entre os rapaces unhas merendas saudables, con froita fresca e auga, coa colaboración de Gadisa.

A festa primaveral “Ferrol, de frores cuberto” reunirá mañá a preto de 2.000 escolares