“O ritmo de gravación nunha serie diaria é autenticamente frenético”

“O ritmo de gravación nunha serie diaria é autenticamente frenético”
Diario de Ferrol-2015-09-22-014-f0857a97_1

Procedente da vizosa canteira da Escola de Teatro de Narón, o eumés Mateo González vén de converterse no último intérprete en dar o salto a unha popular serie española. Desde finais de xullo grava para Antena 3 a décima temporada de “Amar es para siempre” (antes “Amar en tiempos revueltos” en TVE). O seu papel de garda civil pode ser visto cada día polos espectadores televisivos da canle, un traballo que supón para o actor un salto cualitativo e permítelle, de momento, deixar de lado o seu traballo no mundo da hostalería. A este esperanzador momento engádese o debut no cine este mesmo venres con “El Desconocido”, no que comparte pantalla nada menos que con Luís Tosar.

Como foi o salto á serie “Amar es para siempre”?
O coordinador de guións, Tirso Calero, foi o autor da comedia “Love Room”. Encargáralle a nosa compañía, Teterella Teatro, adaptala ao galego. Gustoulle o resultado e en verán chamoume para propoñerse un papel de garda civil na serie de Antena 3. De todos modos tiven que facer unha proba de cámara, pero saíu ben e estou como mínimo na serie o que queda de ano.

Como é incorporarse ao traballo dunha serie diaria de gran audiencia?
Eu xa traballara con Jorge Coira en “Luci”, na TVG, pero isto é diferente. O ritmo é frenético, xa que gravas cada día un capítulo ou partes de dous ou incluso tres. É un non parar, pero resulta moi estimulante. Estás rodeado de actores caralludos, dos que só podes aprender. Eu vivo todo isto como unha escola. Na serie hai xente como Lola Herrera, Jorge Sanz, Toni Cantó e outros moitos boísimos. Ademais teño que dicir que desde o primeiro momento toda a xente portouse fenomenal comigo.

Tamén está de actualidade por participar na nova película de Luís Tosar, “El Desconocido”, que se estrea nos cines este mesmo venres.
Sí, todo vén xunto. Aquí teño un personaxe moi pequeno pero nun par de escenas estou con Luís Tosar. Aquí tiven que facer un casting. A experiencia en xeral resultou moi boa.

Un actor que queira vivir disto ten que marchar a Madrid?
Non é necesario, o que é necesario é moverse. En Galicia hai un nivel moi bo, e iso o notas no aprezo que nos teñen, pero hai que continuar formándose. Eu aproveito as miñas estancias alí para seguir preparándome e estudando. Este é un traballo no que hai que ir pouco a pouco e oxalá poida dicir algún día que vivo disto, pero estas experiencias de agora animan moito.     

Que é o máis inmediato?
Agardo a estrea do venres, e retomar as gravacións en Madrid da serie. Ata entón, este mesmo venres ás 21.00 horas estaremos coa nosa compañía Tatarella Teatro no Forum Metropolitano da Coruña representando “Love Room”, que estreamos en Narón e xa pasou polo Jofre.

“O ritmo de gravación nunha serie diaria é autenticamente frenético”

Te puede interesar