O berro contra a violencia de xénero érguese en Ferrolterra malia as condicións da Covid

O berro contra a violencia de xénero érguese en Ferrolterra malia as condicións da Covid
Concentración fronte ao edificio da Xunta, en Ferrol

Ferrolterra gardou un minuto de silencio ao mediodía en memoria das 41 mulleres vítimas da violencia machista no que vai de ano. Pero foi a única pausa nunha xornada dedicada a visibilizar un problema con fondas raíces na sociedade e que non existe se non se expón publicamente. A ruptura do silencio é máis necesaria que nunca en plena era Covid. A magnitude da emerxencia sanitaria imponse e acapara toda a atención pero os demais problemas seguen aí e son incluso peores, sobre todo tendo en conta o que puido supor o confinamento na convivencia. Co agravante de que as mulleres son maioría nos traballos –remunerados ou non– de coidado dos demais e en postos esenciais e están tamén por iso máis expostas á enfermidade. Esa foi a aposta este ano: “Visiblizarmos o (in)visíbel”. Con este lema ducias de persoas concentráronse pola tarde ante a sede do edificio administrativo da Xunta, nunha acción convocada polo movemento feminista e que tivo réplica en distintas localidades, incluída a praza do Hospital das Pontes.

As reinvidicacións en torno a manter e mellorar atención á violencia machista foron constantes durante toda a xornada e partiron desde as institucións, o movemento asociativo, a xustiza, o ensino, o eido empresarial e tamén a título persoal. A imposibilidade de promover grandes aglomeracións non impediu que se ideasen formas de conmemorar o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres.

O Concello de Ferrol colocou unha vintena de roseiras fronte á estatua de Concepción Arenal, e alí, con representación dos grupos municipais, o alcalde, Ángel Mato, apelou a “facer máis visible que nunca unha das maiores lacras que padece a sociedade”. “Temos a obriga de traballar por unha sociedade plenamente igualitaria”, engadiu.

Os actos promovidos desde o Concello, que inclúen o alumeado violeta no Jofre e na fonte do Cantón, continuarán hoxe coa instalación do stand da campaña Agresión OFF na praza de España. Alí, de 10.00 a 16.30 horas, levaranse a cabo actividades, atendendo en grupos de tres.

En Narón, que presentou un vídeo propio dentro da campaña “En Negro contra as Violencias”, tamén se fixo un minuto de silencio e un acto de reivindicación ao mediodía, diante do Monumento á Muller da praza da Gándara. A alcaldesa, Marián Ferreiro, lembrou que dúas das mulleres asasinadas este ano eran galegas e subliñou a importancia “de seguir traballando xuntos”.

Narón organizou ademais unha marcha ciclista virtual na que participaron alumnos de Primaria e iluminou de malva a glorieta de Freixeiro e o Pazo da Cultura.

Desde o ensino a actividade tamén foi intensa. A comunidade universitaria organizou unha “performance” as portas de De-seño Industrial. Nos centros da comarca tomáronse fotos aéreas dos patios, compoñendo o lema “A educación é a vacina para acabar co maltrato” e expóñense en establecementos da rúa Real ata o día 30.

En Cabanas houbo un concerto de Sofía Espiñeira; en Fene, 60 establecementos sumáronse á campaña “Fene tece igualdade”; e en Cedeira os distintos departamentos municipais sacáronse imaxes con camisetas de “En Negro”. Ortigueira fallou o concurso de microrrelatos contra a violencia machista, que gañaron os textos presentados baixo os seudónimos Eumelia e Ánxela.

O berro contra a violencia de xénero érguese en Ferrolterra malia as condicións da Covid

Te puede interesar