O campus aposta pola singularidade co Grao Dual de Enxeñaría Eléctrica

O campus aposta pola singularidade co Grao Dual de Enxeñaría Eléctrica
A Escola Universitaria Politécnica de Serantes impartirá o novo grao no curso 2019/2020 | daniel alexandre

A Universidade da Coruña está en pleno proceso de transformación coa especialización dos seus campus e a revisión dos títulos para cumplir a normativa da Xunta de Galicia que, entre outras cousas, esixe un mínimo de 45 alumnos de novo ingreso nos campus periféricos para poder impartir unha titulación.
No ferrolán, a maquinaria dos cambios e da mellora da oferta académica entrou en marcha este ano co desenvolvemento do plan estratéxico de Campus Industrial.
No marco do mesmo, o vindeiro curso implantaranse xa novos programas de estudos: o Grao en Xestión Industrial da Moda, o Mestrado Universitario en Deseño Industrial coas especialidades de Xoias, Mobles e Automoción, e o Mestrado Universitario en De-seño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos.
No curso seguinte 2019-2010 será a quenda para outros novos títulos incluídos no mapa de titulacións para a mellora do Sistema Universitario Galego presentado recentemente pola Xunta de Galicia.

Encontro
Entre eles figura o Grao Dual en Enxeñaría Eléctrica, que será o primeiro deste tipo no SUG e dos primeiros en toda España. O programa substituirá ao actual Grao de Enxeñaría Eléctrica que se imparte na Escola Universitaria Politécnica (EUP) de Serantes, onde hai uns días celebrouse un encontro entre o reitor da UDC, Julio Abalde, a vicerreitorra do Campus de Ferrol, Araceli Torres, e o director, Andrés Piñón, coa comunidade universitaria do devandito centro, no marco da rolda de contactos que o máximo representante da UDC realiza todos os cursos nas diferentes escolas e facultades.
O novo título centrou boa parte dunha xuntanza na que Abalde contextualizou a necesidade de modificar o actual grao.
“De forma sorprendente”, dixo o reitor, a Xunta presentou un documento cos títulos con informe negativo, pese a que se estaba a desenvolver o plan de viabilidade, entre os que estaba o Grado de Enxeñaría Eléctrica.
“Inmediatamente”, en palabras de Abalde, púxose en coñecemento da EUP para buscar unha solución. “Nós queriamos garantir o mantemento das especialidades e competencias profesionais deste centro”, apuntou, e na busca de soluciósn xurdiu como alternativa máis viable a modificación do título mantendo as competencias profesionais pero indo a un sistema que lle garantise a “singularidade”, chegándose así á definición do formato dual.
Este novo modelo implica que o alumnado adquirirá parte dos seus coñecementos na propia escola e parte nun medio empresarial. A transformación do actual grao permitirá que se revisen os contidos do mesmo para ofertar un perfil máis transversal e actualizado, con contidos de Mecatrónica, por exemplo, e que no futuro se poida desenvolver un programa de simultaneidade co Grao en Enxeñaría Electrónica Industrial e Automática.
Segundo explicou o reitor, optouse por manter a mesma denominación do novo título porque ten competencias profesionais asociadas que se perderían se se cambiase o nome.
Abalde animou a traballar para facer un bo plan de estudos, así como na captación de empresas para realizar as prácticas, pois estas duran dous cuadrimestres.

Futuro do centro
Outro dos temas que foi plantexado no decurso do encontro por un dos presentes tivo que ver co futuro do centro, xa que desde hai anos a Universidade da Coruña defende a necesidade de unir as dúas escolas politénicas, a de Serantes e a de Esteiro, nun único centro. “Agora é máis necesario ca nunca e estamos buscando alternativas de espazo”, comentou o reitor. “Sería importante aparecer como o gran centro de enxeñaría industrial de Galicia, cun plantel de títulos novidoso e diferente”.
A vicerreitora ferrolá, Araceli Torres, engadiu que aínda que non hai prazo definitivo para o cambio “isto non debe frear en nada as actividades e os proxectos deste centro”.
O reitor asegurou ademais que a fusión entre as dúas escolas será sempre “entre iguais”. Segundo engadiu, “son dous centros que deciden de forma autónoma ir a un novo, en pé de igualdade”, incidiu.

Emprego público
Unha persoa do colectivo de administración e servizos preguntou sobre a situación da oferta de emprego público da UDC. O reitor avanzou que agora mesmo se está a traballar cos concursos de traslados, os programas de promoción interna e que, o antes posible, sairá a OEP acumulada dos anos 2015/2016 e 2017.
“Estase en negociacións coa mesa sindical; o único punto de encontro é sobre os niveis esixidos pois eles piden que todos sexan baixos e nós queremos que haxa prazas de nivel baixo, medio e alto”.

O campus aposta pola singularidade co Grao Dual de Enxeñaría Eléctrica

Te puede interesar