A poesía invadirá mañá o mercado da Magdalena para conmemorar o nacemento de Rosalía

A poesía invadirá mañá o mercado da Magdalena para conmemorar o nacemento de Rosalía
diario de ferrol-2018-02-23-007-bec687e4-p

Cando se cumpren 181 anos do nacemento da poetisa galega máis universal, Rosalía de Castro, o Concello de Ferrol ten organizado para mañá un acto de dinamización da súa figura e obra, así como da propia lingua galega no mercado da Magdalena. Tal e como indicou onte o concelleiro de Normalización Lingüística, Álvaro Montes, a idea é continuar realizando outros eventos deste tipo no resto de mercados como no Día das Letras Galegas.
“O que queremos é que, nun mercado como o da Magdalena, a xente que se achegue poida disfrutar e compartir a nosa lingua e cultura”, indicou. Para iso, haberá dúas Rosalías, as actrices Lucía Veiga e Marita Martínez, que animarán a todo o mundo a recitar un verso da escritora compostelá e poidan levarse para a casa un agasallo en forma de bolsa de tela ou marcapáxinas.
“O que pretendemos é achegar a lingua e a literatura de Rosalía, que é das cousas máis cercanas para o pobo galego pola maneira que ten de expresarse. O da Magdalena é un mercado modernista pero tamén vai ser unha acción moderna porque Rosalía nunca pasa de moda, nin os seus textos, nin o contido, nin a lingua”, puntualizou Veiga, ao mesmo tempo que afirmou que se trata dunha das “referentes que todos levamos no ADN aínda que non a leras nunca”. Ambas actrices realizarán un percorrido pola súa obra a través da retranca e ironía, “desde o bo humor e esa riquiñez que nos caracteriza aos galegos”.
Marita Martínez quiso engadir que se trata dunha ocasión perfecta para “reachegar esta poesía á xente, xa que Rosalía é unha poeta fácil de ler, moito máis do que parece e ao mesmo tempo representa unha imaxe cercana ao pobo. Rosalía foi capaz de conmover con “Negra Sombra” e de levantar con “Unha vez tiven un cravo” e incluso tamén falar dende a voz da mociña máis humilde do pobo”, salientou.
Este acto coincide días despois de que a Real Academia Galega alertase da “brecha na transmisión lingüística interxeracional” que provoca que o castelán xa supere ao galego como lingua materna maioritaria en Galicia (cunha porcentaxe do 38% fronte ao 34% do galego e o 28% de ambas), segundo a análise “Lingua e sociedade en Galicia. Resumo de resultados 1992-2016”.
Para Álvaro Montes estes son uns datos “bastante contundentes, sobre todo no ámbito urbano e nós desde a visión dunha área como a de Normalización, observamos que por moito que se delimiten ou regulen o que son os espazos educativos, son precisamente nas zonas diglósicas como é Galicia onde existe unha lingua de prestixio que non é o galego se tende a que esa socialización se faga na lingua dominante como en este caso é o castelán e faga que desapareza paulatinamente o uso do ámbito regulado”.
Así, iniciativas como esta pretenden “levar ao galego fóra do seu marco habitual, que sería se cadra unha biblioteca ou un centro educativo e funciona moi ben”, referíndose ao evento realizado polo centenario das Irmandades da Fala o pasado ano, onde houbo unha representación dunha obra teatral de Charlón e Hermida na rúa Real no que “a xente paraba a mirar que sucedía, e se fixesemos esa mesma representación no teatro Jofre o encheríamos pero con xente que sabía ao que iba. Realmente o que queremos é facer a cultura participativa”, alegou o edil. l

A poesía invadirá mañá o mercado da Magdalena para conmemorar o nacemento de Rosalía

Te puede interesar