As análises volven ao Fontenla tras ampliar salas pero seguen as colas

As análises volven ao Fontenla tras ampliar salas pero seguen as colas
As obras de ampliación no interior do edificio da praza de España aínda non impiden que as colas cheguen ao exterior | c.r.c.

A ludoteca da praza de España, propiedade do Concello de Ferrol, deixou de ser unha sala de extraccións temporal e as análises de sangue volven facerse desde o venres pasado no interior do centro de saúde Fontenla Maristany. Neste tempo, ampliouse a sala e reorganizáronse os espazos de espera e de extracción do edificio sanitario, coa finalidade de adaptarse ás esixencias da situación e creando ademais un percorrido diferente para os pacientes respiratorios.

Aínda así, seguen a producirse colas, dentro na súa maioría pero tamén no exterior do edificio, ao aire libre, tal e como sucedía con anterioridade na ludoteca. Tomáronse medidas para que esta situación non aconteza. Desde a área sanitaria explican que hai oito puntos de extracción que funcionan media hora máis que antes, de 8.15 a 9.30 horas, cando ata o de agora remataban ás 9.00. Tamén, para axilizar os procesos de traslado ao laboratorio e o seu procesamento, nun momento do día no que ademais a actividade presencial nos centros de saúde se intensifica, habilitouse un segundo punto de validación informática, no que se establece a xestión de entrada a cada paciente.

No que respecta ás persoas que van facer as extraccións de sangue, as autoridades sanitarias piden a máxima puntualidade, incluso no tocante a chegar demasiado cedo. “Prégase á cidadanía que acuda o máis axustado posible na franxa horaria indicada para evitar as aglomeracións e poder seguir mantendo as distancias necesarias, xa que non é posible permanecer nas salas como era o habitual”, explican. Agradecen o esforzo á poboación e aos profesionais sanitarios para axustarse a estas novas medidas “que favorezan o menor contacto posible” para así “romper a posible transmisión do coronavirus”.

Neste centro de saúde realízanse unha media de 140 extraccións  diarias. A ludoteca da praza de España cedeuna o Concello de Ferrol para facer o estudo serolóxico sobre a Covid-19, que implicaba test rápidos para centos de persoas. Logo de que remataron as dúas ondas da mostra, o espazo seguiu empregándose con fins sanitarios, como alternativa mentres se facían as obras. 

Altas en Cerdido
A situación do coronavirus na área sanitaria de Ferrol mantén un incremento de casos, compensados polo número de non activos, que fai que se pase de 131 a 133 casos activos, e de 631 a 636 curacións. Segue habendo tres persoas ingresadas no hospital.

O Sergas e o Concello de Cerdido informan de que o gromo da localidade dáse por desactivado ao estar todos os pacientes xa de alta e non haber contaxios en dez días. Quedan dúas persoas positivas no municipio, pero vencelladas a outros focos de contaxio.

As análises volven ao Fontenla tras ampliar salas pero seguen as colas

Te puede interesar