O Festival Atlántica de narración oral estrea a súa modalidade en liña en Ferrol

O Festival Atlántica de narración oral estrea a súa modalidade en liña en Ferrol
Rubén Martínez

Non poderán ser presenciais pero a crise da Covid-19 non impedirá que Ferrol quede sen os espectáculos de narración oral do Festival Atlántica previstos para esta semana. O programa trasládase á rede para achegar ao público as propostas de catro contadores de historias: Rubén Martínez, Fernando Saldaña, Noelia Carioca e Santi Prego. Así, desde hoxe e ata o sábado, os vídeos destes narradores serán publicados na web da Axenda Cultural do Concello de Ferrol

Cada día, ás 12.00 horas, vanse publicar dous vídeos que estarán dispoñibles para o seu visionado ata a medianoite do domingo.
O venezolano Rubén Martínez será o encargado de inaugurar hoxe o cartel coas dúas primeiras historias. A primeira delas leva por título “Pim, pam, pum!”, coa imaxinación, o xogo, a complicidade e a recreación como algúns dos principais ingredientes.

Na segunda, denominada “Cuentería”, achegará unha escolma de historias propias nas que este xornalista, músico, escritor e actor amosa a súa visión absurda, máxica e extravagante do mundo. Martínez foi pioneiro da narración oral en Venezuela, Chile e Cataluña.

Venres
Na xornada de mañá venres, o protagonismo recaerá sobre o narrador Fernando Saldaña, que comezará as súas dúas sesións con “No mar”, un espectáculo para nenos de entre 3 e 8 anos, para continuar coa función “De onte a hoxe”, unha mostra das historias que acompañaron ao autor ao longo da súa dilatada traxectoria.

O primeiro dos espectáculos do sábado será o ofrecido por Noelia Carioca.

A salmantina acompañarase de obxectos e instrumentos musicais para lle dar vida ás historias que brindará especialmente ao público infantil (de entre 3 e 8 anos).

A programación do Festival Atlántica concluirá ese mesmo día cunha sesión de contos de Santi Prego titulada “O teatro máis pequeno do mundo”, dirixido a adultos e no que caben todo tipo de contos: os participativos, improvisados ou de tradición galega, entre outros.

O festival, que nun principio estaba previsto celebrar en espazos como a biblioteca municipal ou o Torrente Ballester e que tivo que mudar ao formato virtual por mor das restriccións da pandemia actual, desenvólvese un ano máis na cidade naval grazas á colaboración da Deputación da Coruña e do Concello de Ferrol.

O Festival Atlántica de narración oral estrea a súa modalidade en liña en Ferrol

Te puede interesar