A Agrupación Instrutiva achega a Caamouco grandes eventos culturais

Redes casa indiana Camouco
|

A Agrupación Instrutiva de Caamouco lanza “Camiños de arte”, un proxecto que engloba catro saídas culturais a outros tantos espazos relacionados con algunha actividade artística como a música, a pintura, as artes escénicas ou a arquitectura.

Ademais da participación nas propia xornadas, as persoas inscritas na iniciativa terán a oportunidade de asistir no centro social da Tenencia, en Redes, a unha charla introdutoria previa a cada unha das propostas. Deste xeito, a Agrupación Instrutiva consegue achegar ata Caamouco, “alomenos, un chisco dos grandes eventos culturais que se organizan noutros municipios de maior entidade”, apuntan os organizadores. As catro conferencias previas desenvolveranse en tódolos casos unha semana antes de que teñan lugar os eventos culturais, sempre ás 17.00 horas. Cómpre aclarar que para asistir aos eventos artísticos non é necesario acudir ás conferencias previas, como subliñan desde a Agrupación Instrutiva de Caamouco.

As inscricións poderanse facer chamando ou enviando WhatsApp ao teléfono 689 114 948 ou no correo electrónico atenencia@caamouco.net.

“Camiños de arte” comeza o vindeiro 2 de febreiro, no Palacio da Ópera da Coruña, onde se vai celebrar un concerto da Orquestra Sinfónica de Galicia. O programa inclúe a interpretación de “El lago encantado”, de Anatoli Luadov, “El concierto de Aranjuez”, de Joaquín Rodrigo, e a Sinfonía nº2 en mi menor OP. 27, de Serguéi Rachmáninov.

Como antesala desta cita musical, celebrarase sete días antes, o 26 de xaneiro, nas instalacións da Agrupación, unha charla a cargo de José Manuel Fraga, mestre e divulgador musical.

A seguinte das citas é na Coruña, no Museo de Belas Artes, o 16 de marzo. A xornada leva por título “Tradición e vangarda: a pintura dos séculos XIX e XX”, facendo un percorrido pola evolución plástica do centro. A charla previa terá lugar na Tenencia o 9 de marzo, da man de Manuel Mosquera, do departamento de Difusión do propio Museo. O 13 de abril, data na que se vai celebrar a terceira das xornadas, terá como protagonista a arquitectura, máis en concreto, a do Betanzos Medieval. Farase unha visita guiada pola localidade, percorrendo algúns dos seus puntos máis emblemáticos e ubicando as vellas murallas e portas de acceso á cidade.

Consuelo Castro, profesora de historia, encargarase da conferencia previa no centro social da Agrupación o 6 de abril. No caso da actividade de artes escénicas, “Camiños de arte” contempla a asistencia a algún espectáculo de teatro ou danza no Pazo da Cultura de Narón. Esta actividade pecharase nos vindeiros días.

En canto as tarefas do programa, hai diferentes prezos, en función do número de persoas que tomen parte nas actividaes. Fixándose un custo mensual de 9 euros para socios e 12 para os que non o sexan sempre que se acuda ás catro xornadas. Por separado son outros prezos entre 6 e 13 euros.

A Agrupación Instrutiva achega a Caamouco grandes eventos culturais