García Soto recibe o Premio Carvalho Calero e reivindica a figura do ferrolán

García Soto recibe  o Premio Carvalho Calero e reivindica  a figura do ferrolán
o escritor recibiu onte o premio do alcalde, ante elia rico e reyes garcía daniel alexandre

“A miña alegría e satisfacción é dobre. Por unha banda gañar un premio en Ferrol e, por outra, facelo nun certame que leva o nome de Carvalho Calero. Teño que dicir que foi o propio don Ricardo quen me animou no ano 1990 a presentarme a este galardón. Como ven tomeino con moita calma”. Así falaba Luís García Soto, o profesor e decano da Facultade de Filosofía da UCS, que recibiu o premio Carvalho Calero na categoría de ensaio. O traballo editado por Laiovento foi presentado onte no Concello de Ferrol e leva por título “O labirinto da saudade”.

Ante a presenza do alcalde Rey Varela e dos organizadores do certame, Elia Rico, pola asociación Medulio, e Reyes García, pola Concellería de Cultura, Luís García Soto fixo unha lembranza de Carvalho Calero, “un home que quixo proxectar o galego máis alá dos seus límites”, e falou sobre o seu libro: “É un ensaio da filosofía da saudade e parte de outros para ir máis lonxe e transitar por diferentes camiños: pensamento, arte, cultura, etc. Quero que de Galicia se pense nas saudades de Portugal e desde alí se faga o mesmo con Galicia. Pola miña parte sigo en débeda con Carvalho Calero e fico desde xa tamén con Ferrol”.

Aínda que o de onte foi o único premio entregado (dotado con 3.700 euros) –xa que a categoría de creación quedou baleira–, desde a organización destacouse o valor da obra que competiu co gañador ata o último momento, “Dos arquivos xeométricos de Rafael Dieste”, de Xosé Díaz Díaz, para ter en conta a súa publicación, algo que na actualidade non contemplan as bases do premio.

 

fillo da súa terra

Pola súa banda, o alcalde Rey Varela, salientou “o orgullo dun galardón que lembra a un ferrolán ilustre e un autor prolífico como Carvalho Calero, un defensor da cultura galega que ademais é recordado na súa terra, onde foi Fillo Predilecto. Un persoeiro que ademais da o seu nome a un centro cultural e outro educativo na súa cidade. Esperamos que este recoñecemento se concrete en breve cunha adicatoria do Día das Letras Galegas. Podemos logralo con tesón, esforzo e apoios”, destacou o alcalde.

Tamén falaron en nome dos organizadores o concelleiro de Cultura e Elia Rico, presidenta da da asociación cultural Medulio. Esta quixo destacar a altura intelectual que este ano tiveran os traballos presentados con firmes debates a cargo do xurado composto pola profesora da Universidade da Coruña Carme Fernández-Pérez; o enxeñeiro e economista Camilo Nogueira; a escritora e tradutora Anxos Sumai; a xornalista Montserrat Dopico; e o pasado gañador do certame bienal, o profesor Manuel Castelao Mexuto. Así mesmo, Rico defendeu a figura do profesor ferrolán: “resulta incompresible que se queira falar da imposición reintegracionista co portugués de don Ricardo para apartalo de recoñecementos oficiais. Igual sóbranlle méritos e alguén na RAG quere esquecerse de algún”. Para finalizar, lembrou a necesidade de recuperar a casa do escritor “antes de que se derrube definitivamente”.

 

García Soto recibe o Premio Carvalho Calero e reivindica a figura do ferrolán

Te puede interesar