Significativas mudanzas (XV)

Significativas mudanzas (XV)
Vales Villamarín, Primeiro presidente da IF de Betanzos Coruña

Como xa quedou dito, do Regramento das “Irmandades da Fala” que, en español –como obrigaba a lexislación vixente– e de xeito mecanografado, se depositou copia no Goberno Civil da Coruña o 11 de xuño de 1918, fíxose unha edición impresa saída da coruñesa Imp. de la Papelera Gallega, texto que presenta algunha que outra pequena diferenza. Aínda que o regulamento se aprobara polos irmáns da Irmandade da Coruña, fixérono seu agrupacións doutras localidades. No Arquivo Municipal de Betanzos consérvase un exemplar impreso idéntico ao da Irmandade da Cruña, agás na portada onde pon Irmandade de Betanzos. Non coñezo máis que estas dúas edicións, mais non é arriscado dicir que tamén as tivo que haber en máis sitios. Cando menos nos que contaban con agrupacións que xa viñan actuando estreitamente relacionadas e federadas, como eran as de Santiago, Monforte, Vilalba, Ferrol, Betanzos ou Vigo. Na liña do que recollía o novo regulamento no Art. XXXVI do Capítulo VI “Do Direitorio”: “Todal-as Irmandades de Galicia federadas constituirán un Direitorio, e será seu oxeto a outa Direizón das mesmas, fixar orientazós coleitivas, y en xeneral, intervire todos aqueles asuntos que pol-a sua importancia afeiten a máis d’unha Irmandade”. No texto mecanografado recollíase que o directorio “tendrá su domicilio en La Coruña”, texto que desaparecería no imprentado, cuestión na que, penso, non se ten feito fincapé.
E xa que citei a Irmandade de Betanzos, entendo que non está de máis dedicarlle unhas poucas liñas á súa creación antes de continuar falando do novo regulamento. Indicar, de primeiras, que en 1991, hai xa 25 anos, o investigador Xesús Torres Regueiro –benquerido amigo– publicou, no Anuario Brigantino, o excelente traballo “A Irmandade da Fala de Betanzos 1917-1930”. O 23 de outubro de 1917, como informou puntualmente A Nosa Terra (“Por terras brigantiñas / Mitin nazonalista”), tivo lugar no Teatro Alfonsetti un mitin no que participaron o Sr. Quintanilla, pola Irmandade de Ferrol, e os Sres. Vilar Ponte (D. Antón), Peña Novo e Valcárcel, pola da Coruña.
De introducir o mitin encargouse o mestre Vales Villamarín -a quen tiven o pracer de coñecer, a mediados do anos 70, na sede da Academia, da que era secretario, sita no Pazo Muncipal coruñés- que, nun acendido discurso, presentou os oradores como “os verdadeiros apóstoles da redención galaica”, “os que saben onde está a raís do mal que consome a Nosa Terra”, para a continuación -e nesa altura non podía ser doutra maneira- reproducir unhas frase de Cambó, “o baril nacionalista catalán”: “A libertade dos pobos non vai contra de ninguén. Soio poden ofendérense, por iso, os tiráns ou os criados dos tiráns”. E, chegados a ese punto, preguntarse: “Por qué pois, Galicia, esta nai amorosa non ha de conquerir a sua santa independencia, en mal hora roubada? Qué razón hai pra que non poida botar de sí o peso de homillante escravitú?”
Segundo o boletín irmandiño, foi tal o entusiasmo que se xerou entre os asistentes que unha vez que acabou o acto quedou constituída a Irmandade betanceira.
O primeiro presidente ou conselleiro 1º sería o propio Vales Villamarín, que ao ano seguinte sería substituído por Xosé Ferreira. Segundo consta nas actas que se conservan no Arquivo Municipal, tiña a súa sede “no primeiro sobrado dâ casa siñalada cô númaro 22 dôs soportás do Campo”.
A directiva, segundo Xesús Torres, conformábana persoas novas, de vinte e poucos anos, ou incluso menos de vinte, como é o caso de Manuel Crestar, nado en 1900, que acadaría sona como debuxante, gravador e caricaturista, tanto en Galicia como en América, cando recalou no Uruguai como exiliado en 1939. Tamén foi recoñecido o médico-dentista Salvador Mosteiro Pena, que daquela tiña 21 anos, autor -aínda que a modestia fixo que non o asinase co seu nome- do interesante e pioneiro Vocabulario castellano-gallego de las Irmandades da Fala (1933).
A Irmandade de Betanzos naceu, pois, xa cando se estaba producindo o cambio de rumbo irmandiño, plasmado de xeito evidente no regulamento de 1918.
A sociedade que en maio de 1916, cando empezou a súa andadura, recollía como obxecto e fins os de “ Hablar entre los asociados el idioma gallego, despertando hacia él la afición y el amor de los hijos de Galicia”, “Trabajar por todos los medios para conseguir que los periódicos gallegos dediquen una sección en la cual los escritores que cultivan este idioma puedan dar a conocer sus producciones” ou “ Acostumbrar a los asociados a escribir en nuestro idioma” en 1918 ía converterse nunha agrupación que no seu Artigo I do Capítulo I “Fins da Sociedade” deixa ben claro que “Ista sociedade ten por oxeto o engrandecemento da nosa terra en todol-os ordes”. n

Significativas mudanzas (XV)

Te puede interesar