Alumnado de xestión da moda idea un chuvasqueiro con material usado

Alumnado de xestión da moda idea un chuvasqueiro con material usado
Magdalena Rodríguez, Ana García, Daniel Mirás e Manuel Sánchez, en plena faena | udc

Manuel Sánchez Rodríguez, Magdalena Rodríguez Tomé, Daniel Mirás Quintas e Ana García Novo presentan esta fin de semana o seu chuvasqueiro feito a partir de tendas de campaña na maratón de reciclaxe textil creativa impulsada desde La Casa Encendida e que se retransmitirá a través de directos de Instagram. Trátase dun certame que chama a atención sobre a cantidade de residuos que xera a industria da moda e, dentro das súas propostas, inclúe a elaboración en directo de novas prendas a partir de material reciclado. Serán cinco proxectos, e o dos estudantes do grao de Xestión Industrial da Moda, no campus de Ferrol, é un dos seleccionados.

A indumentaria dos pescadores galegos está na base da idea desenvolvida polos rapaces. A partir de tea impermeable dunha antiga tenda de campaña e de retais de fibra de carbono idearon un chuvasqueiro que conta ademais cun compartimento no que poder gardar o refugallo que se poida ir un atopando polo camiño. Está marcado pola palabra “Actúa” e supón, indican os creadores, unha declaración de intencións e unha chamada a contribuír á limpeza do medio ambiente nas saídas para pasear ou correr por zonas nas que se atope moito lixo. Que se suban fotografías do antes e do despois ás redes sociais é outra das accións vencelladas a esta prenda, co afán de cumprir co obxectivo de desenvolvemento sustentable marcado polas Nacións Unidas para 2030.

A posibilidade de participar no certame organizado polo centro cultural e social madrileño La Casa Encendida e pola cooperativa Altrapo Lab xurdiu da man da profesora Patricia Muñiz Núñez. Ela imparte docencia de “Deseño de moda” no segundo curso do grao. Foi na súa aula onde Manuel, Magdalena e Daniel comezaron a traballar nunha prenda feita a partir de materiais reciclados. Ana, alumna do terceiro curso, sumouse despois e encárgase de coser o chuvasqueiro.

A súa confección poderase seguir a través do Instagram e da canle de Youtube de La Casa Encendida, na quinta edición dunha maratón textil que se presenta baixo o lema “A prenda máis verde é a que xa existe”, unha frase do escalador, ecoloxista e empresario Yvone Chouinard.
O traballo dos alumnos do campus de Ferrol chámase Proxecto Homesickness (morriña) e buscar compensar as emisións xeradas na primeira fabricación dunha prenda a través da reutilización.

Alumnado de xestión da moda idea un chuvasqueiro con material usado

Te puede interesar