Valle-Inclán falará por fin en galego no teatro Colón

Será o segundo escenario no que Valle-Inclán falará en galego por vez primeira. Despois da estrea no Principal, Producións Teatrais Excéntricas paseará o 17 e 18 de marzo “A cabeza do dragón” no teatro Colón, onde todos os elementos creativos funcionarán a tope. Asegúrao Quico Cadaval, quen levará a batuta para que os oito que estarán enriba, –María Costas, Víctor Mosqueira, Iván Marcos, Patricia Vázquez, Josito Porto, Yelena Molina, Marcos Orsi e o propio director–, expriman ao máximo a esencia do arousán. 

Escolleron unha obra pouco representativa e a partir dela, crearon un xogo de lendas, onde as historias de cabaleiros mesturaranse con bandidos. Haberá violencia, sinala, e tamén unha lectura irónica de Valle para á que simplemente hai que seguir o guión orixinal no que a crítica política se presenta a feito. En medio de escenas de espadachíns, os de Quico celebrarán que o legado do que inventou o esperpento pase a dominio público con acción: “Cousa moi traballada”. 

Deste xeito, o director afirma que “se pon final a unha anomalía” para “naturalizar a un autor na súa terra, que coñecía, admiraba e utilizaba o galego”. Cadaval defíneo como “o maior artista da nosa historia por fin normalizado na lingua”. 

E facendo un contraste entre figuras épicas, Producións Tetrais Excéntricas barnizará a súa escrita con bufonadas e paiasadas para facer que “‘A cabeza do dragón’ deixe de ser un libro para ser teatro”. A peza foi incluida polo Valle-Inclán dentro dunha colección de farsas que titulou ironicamente “Retábulo de marionetas para educación de príncipes”. 

argumento

A historia conta a viaxe ao corazón do dragón que se narra en todas as culturas do mundo. Nela, un príncipe, Verdemar, fuxe do reino materno por serlle desleal ao rei, o seu pai. Nese peregrinar, cheo de experiencias vai dar co reino de Micomicón, que treme baixo o alento fétido do Dragón. Como é costume, deberanlle entregar a princesa Brancaflor ao monstro se queren salvar as súas vidas e facendas. Enmascarado para ocultar a súa identidade, Verdemar mata ao protagonista de ficción coa espada e desaparece. Un capitán de bandidos, Espandián, atopa a cabeza do monstro e vai reclamar o premio: a man da princesa e a coroa do reino.

A fábula está manipulada por Valle, que introduce elementos actuais, crítica social, bromas políticas, anacronismos argumentais e comentarios alleos á tradición do conto. A función liberadora da risa, a corrupción política, a violencia machista, a anacrónica institución da monarquía, o medo á liberdade ou a a banalización do amor romántico son temas da obra que continúan vixentes. Valle-Inclán, que rebozou o clásico con esperpento, móvese entre a magnética influenza de Xapón e a potente tradición da farsa europea, de máscaras e acrobáticos combates. A primeira versión en galego subirase o mes que vén ao escenario para celebrar o 80 aniversario do xenio. n

Valle-Inclán falará por fin en galego no teatro Colón

Te puede interesar