A importante labor docente de Carvalho Calero en Lugo, na mostra que chega ao Ateneo

A importante labor docente de Carvalho Calero en Lugo, na mostra que chega ao Ateneo
A mostra céntrase na etapa de Carvalho Calero como profesor no colexio Fingoi

Logo da presentación a pasada semana do libro “O Carballo Calero que fun en Ferrol”, editado polo Club de Prensa baixo a coordinación do historiador Bernardo Máiz e centrado nas tres etapas nas que o ilustre profesor e escritor residiu en Ferrol, a súa cidade natal, hoxe desembarca na urbe naval unha iniciativa que permitirá achegarse a outro dos momentos vitais do autor: a súa estadía durante quince anos en Lugo.

Na cidade das Murallas deixou fonda pegada o home ao que este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas. Alí, Carvalho Calero puxo en marcha un especial proxecto educativo, ao que se dedicará en corpo e alma entre os anos 1950 e 1965 como profesor e responsable do colexio de Fingoi.

O colectivo lugués Egeria recolle esta etapa na exposición itinerante “Don Ricardo de Fingoi”, que hoxe chegará ao Ateneo Ferrolán, onde ás 19.30 horas será inaugurada.

A que hoxe se inaugura sobre Carvalho Calero virá sumarse así á que ata o vindeiro 31 de maio pode visitarse no Torrente Ballester, impulsada polo Concello

A mostra, que conta co patrocinio da Xunta de Galicia e o apoio da Real Academia Galega e o Colexio de Fingoi, chega á cidade do autor grazas á colaboración do Club de Prensa de Ferrol.

Ademais desta exposición itinerante, o proxecto inclúe un folleto que reflicte integramente os trece paneis que dan forma á proposta, unha web e un libro que recollerá as opinións e lembranzas de ex alumnos do profesor no colexio lugués.

Etapa

No seu período en Lugo, o homenaxeado deste ano das Letras Galegas leu e publicou a tese de dou-toramento, ingresou na Real Academia Galega e publicou a súa monumental Historia da Literatura Galega Contemporánea.

Ao acto de inauguración desta tarde asisitirán o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; a presidenta do Club de Prensa, Julia Díaz e o presidente do Colectivo Egeria, Xulio Xiz.

A mostra percorrerá centros educativos, culturais e concellos de toda Galicia.

Torrente Ballester

A mostra que será inaugurada esta tarde sumarase así á que o Concello de Ferrol inaugurou o pasado mes de xaneiro no centro cultural Torrente Ballester, titulada “Imaxe de cen anos”, que pode visitarse ata o 31 de maio.

O goberno local recuperou así a mostra do centenario de Carvalho Calero para amosar á cidadanía, a través de máis dunha vintena de paneis un percorrido pola súa vida e obra.

A importante labor docente de Carvalho Calero en Lugo, na mostra que chega ao Ateneo

Te puede interesar