Histeria Teatro recrea o “Berlín” de Lou Reed nunha intensa adaptación escénica

Histeria Teatro recrea o “Berlín” de Lou Reed nunha intensa adaptación escénica
Diario de Ferrol-9999-99-99-999-ac19c67d

A Fundación Artabria retoma hoxe a súa programación cultural co gallo do seu XVI aniversario cunha anvadora proposta que ten como protagonista a Lou Reed. O músico norteamericano publicou en 1973 un disco que el definiu como “un filme para os ouvidos”, no que conta a sórdida relación entre unha parella de ionquis nunha cidade dividida. “Berlín” é o relato das vidas de Jim e Caroline, marcadas pola pobreza, a prostitución, a violencia e as drogas. O disco foi un fracaso comercial, tivo unhas duras críticas pero, como adoita suceder cos anos, acabou sendo reivindicado tanto pola súa narratividadde como polo valor das súas propias cancións.
Hai uns anos o filólogo, profesor e músico Leo Fernández Campos, máis coñecido como O Leo i Arremecághona!!!, realizou un exhaustivo labor de tradución das letras das cancións, e foi traballando nelas, e, xunto coa xornalista e actriz Lara Rozados, nunha teatralización, ata que o ano pasado, coa morte de Lou Reed o 27 de outubro, decidiron estrear a montaxe. Para iso contaron coa colaboración do director e actor Chiqui Pereira, membro da compañía Berrobambán.
A estrea, con grande éxito de público, levouse a cabo na XIII Festa de Aniversario do Cineclube de Compostela, o pasado 21 de xuño, e agora retoman a xira deste espectáculo elixindo o local da Fundación Artabria (Travesa de Batallóns, 7, de Esteiro) para a súa segunda representación pública.
“Berlín” conta coa dirección de Chiqui Pereira, e con Leo Fernández Campos nos papeis de Jim e o narrador e Lara Rozados como Caroline. O vestiario, atrezzo, escenografía e luces son de Histeria Teatro, e o son, música e vídeos, de Leo Fernández Campos. O deseño gráfico e a fotografía son de Jose Valiño. A entrada ao espectáculo é de balde ata completar aforo, aínda que o grupo pasará a gorra para quen queira colaborar.

reivindicación
Despois do seu segundo disco, o exitoso “Transformer”, Reed decidiu pegar un golpe de temón e           arriscarse creativamente cunha historia dura e nos límites da marxinalidade. Cando “Berlín” se publicou en 1973 a revista Rolling Stone escribiu que o disco “leva ao ouvinte a través dun submundo de esquizofrenia, paranoia, degradación, violencia anfetamínica e suicidio”, augurando que sería a fin da carreira en solitario do antigo líder da Velvet Underground.
A vida dá moitas voltas e anos despois a publicación situouno no posto 344 na lista dos 500 mellores discos da historia. O músico sempre lle tivo estima ao traballo e incluso nos seus últimos tempos adoitaba incluír no seu repertorio temas do mesmo como “Lady Day”, “How Do You Think It Feels”, “Oh, Jim” ou “Sad Song”.

Histeria Teatro recrea o “Berlín” de Lou Reed nunha intensa adaptación escénica

Te puede interesar