As Letras Galegas preparan o seu día grande, cunha véspera chea de actos

As Letras Galegas preparan o seu día grande, cunha véspera chea de actos
PELICULA " A ESMORGA " RODAJE EN OURENSE MORRIS KARRA ELEJALDE MIGUEL DE LIRA

O vento dos actos ao redor das letras galegas, que culmina o domingo, sopra hoxe con forza. Así, a falta do evento institucional do Concello de Ferrol, que mañá domingo organiza a Agrupación de Asociacións Veciñais da Zona Rural coa colaboración municipal en San Pedro de Marmancón a partir das 17.30 horas, hoxe a AVV O Cruceiro de Santa Icía celebra ás 19.00 horas esta data coas actuacións da rondalla Añoranzas e o grupo Los Nostálgicos. Tamén mañá a plataforma Queremos Galego celebra un variado acto en Canido a partir das 12.00 horas con diversas intervencións e a música de Víctor Aneiros. Ademais de apoiar este acto, o Ateneo Ferrolán levará a cabo o seu Día das Letras Galegas cun feirón moi particular entre as 12.00 e as 14.00 horas, no que diversas librarías e colectivos terán á venda libros e diversos materiais representativos das letras e a cultura galega.
Ademáis, o Ateneo Ferrolán vai regalar 40 libros en galego. Na madrugada do día 17 de maio, o Ateneo vai deixar agachados 40 sobres en diversas rúas e lugares de Ferrol relacionados coas letras galegas, para que as persoas que os encontren poidan canxealos por libros en galego nos locais do Ateneo Ferrolán, exclusivamente nas horas de apertura do Feirón das Letras Galegas, que será entre as 12.00 e 14.00 horas.
Sen saír de hoxe, a AVV do Inferniño organiza ás 19.00 horas no Centro de Maiores unha actuación do coro “Sonsdodía”.

intercentros en narón
En Narón, onte o alcalde José Manuel Blanco clausurou no Auditorio Municipal a 26ª edición do Certame Intercentros, que este ano estivo adicado á figura homenaxeada nas Letras Galegas, Xosé Filgueira Valverde. Nesta ocasión, o centro organizador foi o IES As Telleiras (para o ano será IES Terra de Trasancos) que contou co apoio municipal a través dunha partida de 10.000 euros.
Volvendo a hoxe, nas Pontes, a partir das 12.00 horas o Auditorio Alovi acolle o concerto das Letras Galegas con actuacións da Escola de música, Banda Xuvenil e Banda de música cultural e recreativa de As Pontes. En San Sadurniño, ademais de estar aberta hoxe e mañá na biblioteca unha feira de troco de libros en galego, o Concello organizou a proxección da película galega “A Esmorga”, recomendada a partir de 15 anos. O director do filme, Ignacio Vilar, asistirá á proxección ás 18.30 horas na Casa da Cultura  e, posteriormente, contestará ás preguntas que o público asistente lle desexe facer. As entradas teñen un prezo de 5 euros e poden reservarse con antelación chamando á Casa da Cultura (981 490 027).
En Ares, en concreto na parroquia de Cervás,  hoxe ás 20.00 horas haberá a actuación do grupo de folk Os Amigos de Perlio no Centro Instructivo, Recreativo e Social.

a rosalía en pontedeume
En Pontedeume celébrase un acto institucional protagonizado polo recordo a Rosalía de Castro. Así, haberá un pasarrúas a partir das 12.30 horas polo centro da vila que culminará ás 13.00 horas na praza de Rosalía de Castro, na entrada da ponte, no que haberá unha actuación  de Airiños do Eume, unha ofrenda floral e un recital poético.
Pero non será o único xa que antes, ás 12.00 horas e no mesmo lugar, o Colectivo Terra organiza o seu propio acto. Trala presentación a cargo dalgún dos seus membros,  intervirá o escritor local Antonio Fraga. Despois as persoas que o desexan poderán recitar algún poema de Rosalía. Para rematar levarase a cabo unha ofrenda floral e a celebración rematará coa interpretación do himno galego.

neda e fene
En canto á actividade en Neda, a Casa da Cultura acolle a celebración do espectáculo “Estamos no verán!” do músico galego Xoán Curiel. Dirixido ao público infantil, esta proposta cultural dará comezo ás 19.00 horas, con entradas a dous euros para o público adulto e dun para nenos e nenas. A actuación de Curiel enmárcase na programación de actos deseñada pola Concellería de Cultura para conmemorar o Día das Letras Galegas.
En Fene, aínda que hoxe non hai actividade institucional, no local da AVV da parroquia de Magalofes está a vivirse con intensidade esta data. Así,  a partir das 20.00 horas celebrarase unha churrascada ao prezo de 10 euros (de balde para os socios). A continuación a partir das 22.00 horas, haberá un monólogo do popular actor e humorista Xosé Antonio Touriñán.
Non será a única parroquia fenesa que celebra esta data xa que en San Valentín o Centro de Promoción Social (CPS) organiza hoxe un festival de corais no colexio A Xunqueira. Un acto a partir das 20.00 horas que tamén serve para conmemorar o 35 aniversario da coral de San Valentín. Canda ela actuarán hoxe Aires de Carral e O Pote.

As Letras Galegas preparan o seu día grande, cunha véspera chea de actos

Te puede interesar