Vimos como a saída á rúa da primeira entrega da ‘Bibrioteca Galeguista’, o Compendio de Gramática Galega asinado por R. A. (Leandro Carré Alvarellos), non estivo exenta de polémica e , é posible, que afectase á continuidade do proxecto. De feito, as tiras propagandísticas anunciando outras dúas obras –a novela O Diputado por Veiramar, de López Abente, e a farsada en dous pasos A man de Santiña, de Ramón Cabanillas– deixaron de ter cabida nas páxinas do boletín A Nosa Terra. A peza de Cabanillas si sería estreada na Coruña e representada en diferentes lugares nese ano 1919 -o que xa deixei apuntado no seu día-, mais non vería a luz impresa ata dous anos despois, da man da Imp. do Balneario de Mondariz.
Si vería a luz a novela curta de López Abente, saída do prelo da Imprenta Nova. A obra, como é máis que sabido, fora a gañadora do concurso literario que convocara A Nosa Terra. O decenario irmandiño aparecido o 25 de Nadal de 1918, no solto “O noso concurso literario / A opinión do xurado”, informaba de que o xurado decidira “Que a novela curta ‘O Diputado por Veiramar’ lema Breogán, tanto pol-a forma, como pol-o desenrolo da fábula, feito con verdadeira mestría, é merecente do premio antre tódol-os traballos en prosa. E a millor novela das presentadas. Mais tamén é, pol-a relatividade dos seus méritos, superior á obras teatrás non escritas en verso. O estilo cristaíño axéitase a unha visión moderna do arte de novelare”. O xurado, tal como anunciara A Nosa Terra, no número anterior, compuxérano: “Don Florencio Vaamonde, don Victorino Veiga, don Bernardino Varela, don Fernando Ossorio, don Xoan Viqueira, don Xaime Quintanilla, don Victoriano Taibo e o direutor d’A NOSA TERRA don Ramón Villar Ponte”.
As obras presentadas ao apartado de prosa foran 7 novelas curtas e 5 “obras representabres” de teatro e, segundo en xurado, a O Diputado por Veiramar “seguíaa en merecementos a comedia ‘Enredos’, lema Un grao de area”, á que lle concedeu mención honorífica, aínda que o asunto “ten algo d’anticuado e revela certa inxenuidade”. Abertos os sobres os premiados resultaron ser o “insine poeta de Mugía, Gonzalo López Abente”, da novela, e “Un vello amigo da fala”, do que nada máis din, da peza teatral.
No apartado do verso presentáranse 9 poemas ou conxuntos de poemas e mais unha peza de teatro, e o xurado decidira premiar “A vinganza do mar”, presentada baixo o lema “A filla do Val da Pena Rubia”, que resultou ser “d’unha dona cruñesa: D.ª Isabel Domínguez, que merece o nome d’inspirada poetisa”.
O xornal engadía: “a noveliña ‘O Diputado por Veiramar’ editarémola nun volume xeitoso que se porá á venda” e, despois dalgunhas reflexións sobre a bondade destes concursos para o rexurdimento da literatura galega, finalizaba: “Eses concursos compretados con unha Editorial galega que producise moito e barato, rendirían o mais grande froito patriótico, sendo tamén un tentador negocio. ¡Si os nosos ricos sintisen o momento!...”.
No número do 6 de xaneiro de 1919, no anónimo “Nosos poetas e a prosa / Unha obra teatral de Cabanillas”, fálase, ademais de d’A man de Santiña, da novela de López Abente en termos eloxiosos, destacando que “Ista noveliña vai tamen pol-o bon camiño. E de corte fino, de fábula intresante na que se dinifica o mesmo o galego ao poñelo en labios de gentes vilegas, algunhas de geito aristocrático”.
O Diputado por Veiramar, como xa se dixo, apareceu en libro con portada de Castelao. Levaba un prólogo de Antón Villar Ponte no que o fundador das Irmandades facía unha análise sobre a necesidade dun maior desenvolvemento do movemento nacionalista. A súa declaración de intencións ilustra ben as dificultades do sistema político emerxente, bloqueado pola falta de medios de expresión:
“Con ‘O Diputado por Veiramar’ –novela onde a caricatura da política vilega e aldeán sirve de ledo marco a esceas cheias de sintimentalismo e sensualismo, ante as que o lápiz meigo de Castelao fai un novo alarde humorístico– inauguran as ‘Irmandades da fala’ a BIBRIOTECA GALEGUISTA, ensaio de algo máis grande, patriótico e trascendente, que ten de facerse axiña. Si a nosa Terra desexa que xurda unha cultura propia –pois para ela hai espréndido xermolamento– ten que termar de espallala e afincala, enraigándoa fortemente, e percisa entón d’unha boa Casa Editora, estabrecida con arregro a todol-os adiantos das de maior releve na Hespaña, coma cousa esencial. A sua importanza sería enorme; o seu campo d’aición moi amplio. E por decontado acabaría trocándose axiña n’un negocio espritoal e material indubidabre.
Porque, decatádebos ben: isa Casa editora –honra da Galicia– atoparía pol-a situación dos nosos portos e pol-a característica dos nosos emigrantes, mais doada a saida para América dos seus produtos, que as de Madrí, Barcelona e Valenza. Doadamente podería recadar en boa parte e de presa o traballo dos grandes escritores galegos de hoxe coa marca acretada nos mercados literarios da Hespaña e as Repúbricas de fala castelán do novo mundo.
Pero inda tamén no Portugal e na Terra americán de lingua portuguesa, coma en todal-as cidades ibéricas, os escritores galegos, xa na man da nosa Editora, hacharían mercado para os seus libros. O estabrecimento de certas fábricas e de certas industrias esixe para o seu bó desenrolo que no logar onde se teñan de fixar haxa as primeiras materias necesarias ou cando non unha tradición que conserve vivas as aptitudes axeitadas a aquel xénero de traballo fabril e industrial. O estabrecimento d’unha casa editora, ben atendida, non ten, en troques maor razón para progresar en Madrí, Barcelona e Valenza, que na Cruña ou Vigo. Como xa dixemos, as ventaxas no pro d’istas duas vilas nosas son grandes con respeito ás outras.
Unha das cousas mais patrióticas que se pode facer, pois, na nosa Terra, é ista: a d’axudar á imprantación da gran Casa Editorial. Asin viría a estar en mans galegas, só galegas –ademitir cartos estranos sería vergonzoso–, a arma de maor poder para un povo: a arma da súa propia cultura, sin mediatizaciós alleas de ninguén. Os capitalistas da Galicia farían un grande ben, decatándose do asunto. Trátase, e non haxa dúbida, de cousa máis importante ainda que un Banco Galego, porque se trata d’un dobre negocio: material e espritoal. D’un dobre negocio ‘único’, sinxelo, doado, cristaíño, que non supón a esixencia de serios sacrificios previos. N’ista hora d’iniciativas, a iniciativa dos galeguistas, co’a sua vountá e o seu esforzo exemprar, vai por diante. Quen predique que praitique. A iniciativa ‘de seu’, cando ela non chega na compaña da vountá disposta a realizala, xa non pode acollerse mais que como desexo d’egolatría ou coma síntoma de decadentismo. E na nosa Terra xa sabedes que choutan moitos ridicolos estanqueiros d’iniciativas cubizosos de pôr o seu nome ô marxe de tódalas cousas grandes...”.
Reparemos na importancia que lle dá a que o capital fose galego (“ademitir cartos estranos sería vergonzoso”), único xeito de que a cultura, o que considera “a arma de maor poder para un povo”, estea en mans galegas “sin mediatizacións alleas de ninguén”. Recentes experiencias, das que se falará, levárano a esa conclusión.