A Escola de Teatro de Narón, a firme aposta e compromiso polas artes escénicas

A Escola de Teatro de Narón, a firme aposta e compromiso polas artes escénicas
Obra de Teatro no Pazo da Cultura

Narón, convertido en todo un referente das artes escénicas a nivel galego, pode presumir desde hai anos de ter a súa propia Escola de Teatro, con dúas liñas de acción: os obradoiros dirixidos a todo tipo de público (infantil, xuvenil, adultos e maiores) –que no curso actual reúne a uns cen participantes– e a Formación de actrices e actores –de entre tres e catro anos de duración–, con 42 alumnos na actualidade. Do plantel docente forman parte 15 profesionais.
Desta última beben moitas persoas para as que esta iniciativa –de carácter non regrado– supón o punto de partida para continuar a súa andaina, xa sexa no eido profesional ou amador. Onte, os doce alumnos de segundo curso estrearon no Pazo da Cultura a obra “2021: unha odisea na Terra”, creada no marco da materia Montaxe de Espectáculo Teatral.
Escrita e dirixida polo dramaturgo naronés José  Luis Prieto, o espectáculo inspirouse no programa de Educación Viaria do Concello naronés para reflexionar, a través dunha comedia de aventuras dirixida ao público familiar, arredor dos problemas causados pola contaminación coa intención de contribuír á promoción de boas prácticas e da educación en valores sobre o coidado do contorno.

achegamento
“Trátase de que os alumnos participen na montaxe dunha obra nas condicións que máis se asemellan á realidade”, comentaba onte Flor Maceiras, directora da Escola de Teatro, unhas horas antes da estrea.
O carácter práctico das materias é, precisamente, unha das características da formación ofrecida por unha proposta aberta a todas aquelas persoas amantes desta arte escénica. “A idea da Escola é que o teatro é un ben cultural necesario e como tal a cidadanía ten dereito a velo e facelo, e polo tanto ten que ser tamén accesible”, salienta Maceiras, tamén actriz e profesora na escola naronesa. “O obxectivo é que a xente aproveite este recurso municipal e que este cumpla a súa función, que a formación teatral, actoral, e temén lúdica, socieducativa e cultural”, engade.
O percorrido formativo ao longo dos catro cursos suma arredor de 2.000 horas. Xunto ás actividades propias de cada materia –nas que se aborda desde a interpretación; voz e dicción; creatividade dramática; iluminación e sonido; ata a danza ou a música e o canto–, organízanse ademais outras de carácter complementario que permiten ao alumnado achegarse, por exemplo, á actividade desenvolvida polas propias compañías teatrais. 

prezos públicos
A Escola de Teatro de Narón, que ten entre o seu alumnado veciños doutros municipios, ofrece uns prezos moi asequibles: 67 euros tanto nos obradoiros como no primeiro curso de acceso á formación de actores, e 200 euros tanto en 2º como en 3º curso. 

A Escola de Teatro de Narón, a firme aposta e compromiso polas artes escénicas

Te puede interesar