Defende a Galega: “Este premio permite achegarnos a sectores da sociedade que non coñecen as nosas demandas”

Defende a Galega: “Este premio permite achegarnos a sectores da sociedade que non coñecen as nosas demandas”
Diario de Ferrol-9999-99-99-999-7895a487

A campaña de mobilizacións emprendida hai case un ano polos traballadores dos medios públicos galegos para denunciar o desmantelamento dos mesmos,  a manipulación informativa e as dificultades para desenvolver o seu traballo, erixida baixo o lema Defende a Galega, vivirá hoxe o seu 50 “venres negro” –acción de protesta que veñen desenvolvendo desde entón vestíndose desta cor todos os venres— dun xeito especial.

O colectivo recibirá no Teatro Jofre o XV Premio José Couso de Liberdade de Prensa. Os comunicadores da CRTVG, Tati Moyano e Carlos Jiménez recollerán o galardón en representación dos compañeiros. Ás 17.45 horas serán recibidos no Concello de Ferrol, para ás 19.00 horas participar na ofrenda floral na estatua “Ás Ceibes” e ás 19.30 horas desprazarse ao acto do Jofre, que concluirá o concerto do grupo “Petit Swing”.

Que supón este galardón para o colectivo? 

Azos para seguir neste longo camiño que iniciabamos hai case un ano. A meta é tan difícil de alcanzar, que nos temos que conformar, polo momento, co obxectivo da visibilización social da nosa loita. E conséguese con aguilloadas como esta. Un gran golpe de efecto para as reivindicacións dos traballadores e traballadoras da Radio Galega e a Televisión de Galicia polo prestixio do premio e pola súa repercusión. Grazas ao José Couso podemos chegar a sectores da sociedade que non coñecen polo miúdo as nosas demandas polas dificultades que encontramos para transmitilas nos medios convencionais.
 
Hai algunha resposta por parte da dirección? Ata que momento tedes previsto continuar coas protestas? 

Ata o final. Despois de 50 semanas non imos parar, aínda que, agora mesmo, non enxergamos ese final. A resposta por parte da dirección non existe. Sabemos que levan un ano con xuntanzas para avanzar na posta en marcha do consello de informativos, pero a falta de transparencia é de tal calibre que a información chega a contagontas e case sempre desde fóra da CRTVG.

Cales son as vosas principais reivindicacións? 

O final das nosas protestas chegará cando se deteña o desmantelamento, cando se reforcen os centros de produción (San Marcos e delegacións) e cando se execute na súa totalidade a lei de medios públicos, que en palabras do director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, é unha lei moi cumprida excepto en tres aspectos claves: o contrato programa, o estatuto profesional e o consello de informativos. Xusto eses tres graves incumprimentos dunha lei aprobada polo Parlamento en 2011 condicionan decisivamente o desenvolvemento do noso traballo e, polo tanto, distorce o servizo público.

Como valorades a resposta que a mobilización está a ter entre a cidadanía? 

Vai calando a mensaxe moi amodo. A manifestación do 8 de setembro polas rúas de Santiago pola dignidade dos medios públicos marcou un antes e un despois. Certo é que senón fose polas redes sociais, os medios dixitais, ou algunha excepción máis como esta oportunidade que nos brinda Diario de Ferrol , aínda sería máis lento. Atopámonos un muro moi difícil de franquear. Hai medios de comunicación galegos dilixentes á hora de informar da situación en TV3, por exemplo, e que apenas falaron estes 11 meses das protestas na CRTVG. Os traballadores dalgúns medios recibiron presións para non citarnos nalgunha información. Os Venres Negros deberían estar máis xeneralizados.

Cales son, ao voso xuízo, os principais riscos e perigos que a manipulación informativa e o desmantelamento dos medios públicos entraña para unha sociedade? 

O desmantelamento provoca un paulatino proceso de perda de calidade nos contidos. Hai grandes áreas xeográficas ás que non chegamos ou chegamos tarde e mal, sobre todo desde que pecharon as delegacións de Pontevedra, Ferrol e A Mariña, que deberiamos recuperar canto antes. A desaparición dos informativos locais na Radio Galega, a reducción dos da TVG, a perda de peso da información cultural coa eliminación do formato clásico do Diario Cultural, a banalización de moitas informacións e, sobre todo, a manipulación informativa por acción e omisión fan que perdamos o paso no día a día. Non temos unha axenda informativa propia, non interesa. Non adoitamos ser un referente. Algún día, coa colaboración e a esixencia da sociedade galega, darémoslles a volta.

Defende a Galega: “Este premio permite achegarnos a sectores da sociedade que non coñecen as nosas demandas”

Te puede interesar