A homenaxe a Carvalo Calero, marcada tamén polo Covid-19

A RAG iniciou os actos de homenaxe en febreiro no CEIP Cruceiro de Canido
|

Logo de varios intentos, por fin neste 2020 a Real Academia Galega acordaba dedicar o Día das Letras Galegas ao ilustre ferrolán Ricardo Carvalho Calero. A reivindicada homenaxe encheu de satisfacción a unha urbe desexosa de situar ao profesor e escritor no lugar que se merece pola súa importante achega á lingua e cultura galegas.

Porén, a actual crise sanitaria provocada pola pandemia do coronovirus obrigou tamén a modificar algúns dos plans previstos para recoñecer a súa figura e obra. En Ferrol, a declaración do estado de alarma polo Goberno central motivou o peche da mostra municipal que sobre o autor permanecía instalada no centro cultural Torrente Ballester.

Agora, pode ser visitada de forma virtual para que “os veciños que non acudiron a vela poidan atoparse ao autor desde as súas casas”, comentou o concelleiro de Educación, Antonio Golpe. Poderán facelo a través do proxecto “Actividades na casa” que o goberno ferrolán habilitou na web municipal (ferrol.gal), no que se recollen propostas diarias para desenvolver no fogar coa intención de acompañar aos ferroláns durante o tempo que dure o confinamento.

Obradoiros

Dentro desta iniciativa, na que están implicadas varias concellerías, a de Educación publica diariamente entre unha e dúas sesións de distintos obradoiros destinados a escolares de 3 a 12 anos.O luns é a quenda para o teatro e contacontos e informática e robótica; o martes, pilates; o mércores, manualidades; o xoves baile moderno e cociña creativa e os venres vídeos de lingua de signos e outro de baile tradicional e percusión. Todos están dispoñibles a partir das 16.00 horas na sección Educación.

Nesta mesma área abriuse otro apartado no que se publicarán vídeos de exposicións municipais, como a xa sinalada sobre Carvalho Calero, que leva por título “Imaxe de 100 anos”, que xa está dispoñible.

Adaptada así a exposición a esta situación de excepcionalidade, a cidadanía pode percorrer, a través de imaxes e paneis informativos “a vida e obra do noso escritor e coñecer máis de trinta primeiras edicións e moitos dos seus obxectos persoais e académicos”, explicou Golpe. A esta mostra sumaranse nos vindeiros días outras de titularidade municipal. l

A homenaxe a Carvalo Calero, marcada tamén polo Covid-19