Dende que se decretou o estado de alarma, a área de Benestar Social viu incrementado o seu labor de atención ás persoas. Eva Martínez está en Ferrol á fronte desta concellería.
Neste momento de pandemia e confinamento obrigado da cidadanía, quen está a requerir axuda dos servizos sociais?
Evidentemente a área de Benestar Social ten sido senón a máis demandada por diferentes colectivos si unha das máis xunto á económica (autónomos, afectados por Ertes...) como, por outra parte, era previsible. Pero mentres nun principio os primeiros que sufriron as consecuencias da pandemia foron moitos dos que xa eran usuarios destes servizos (parados de longa duración, inmigrantes sen ingresos, receptores da Risga ou outras prestacións...), pronto se lles uniron aqueles que antes ían subsistindo con pequenas chapuzas e agora non teñen eses ingresos. A medida que pasaron as semanas, xurdiron novos perfís, da economía sumerxida e de xente que pasou ao paro ou a Ertes pero aínda non cobraron ou non lles é suficiente.
Que liñas de axuda puxo, entón, a área que dirixe para estes colectivos?
Hai, por unha banda, os vales comedor para familias con menores que dispoñían de becas. Son vales de 50 euros por menor cada 15 días, e os de necesidades básicas (alimentos, hixiene..). A eles dedícanse 112.925 euros e aténdese a 685 familias. O cambio no perfil dos usuarios e o aumento de necesidades queda de manifesto cando vemos que ao principio atendíanse a 500 familias e agora, na última semana, a cifra ascende a 687 familias. Tamén están os vales para medicamentos, cos mesmos criterios que os de necesidades básicas, para persoas vulnerables.
Máis alá do apoio económico, que programas ten activos Benestar Social?
Temos, entre outros, un punto de atención psicosocial, a través dun profesional municipal colexiado que atende por vía telefónica. Son os servizos sociais os que derivan as chamadas por cuestións que veñen do confinamento: estrés, ansiedade, loitos, etc. e mesmo estase en contacto con psiquiatría da área sanitaria para coordinar posibles actuacións. Tamén se traballa en rede con outros colectivos e administracións con propostas como o albergue da Casa do Mar, que atende ás persoas que non teñen teito e non poden acudir ao Pardo de Atín, que se atopa desbordado nestes momentos. Outras colaboracións son con Protección Civil, aos que agradezo o magnífico traballo que están a prestar aos colectivos máis vulnerables, ou coa Cociña Económica, coa posta a disposición da carpa da praza de España e a tramitación de altas para os menús. Para os maiores están os comedores senior, que agora levan a comida ás casas dos máis vulnerables.
Traballa nalgún outro proxecto a curto prazo?
Imos iniciar un programa de chamadas aos maiores que viven sós. Sería un servizo telefónico semanal que faría unha traballadora social para interesarse si están ben e planificar posibes recursos sociais. Para iso temos solicitado a colaboración das AAVV que traballan estreitamente cos veciños para que nos poidan facilitar contactos cos datos das persoas ás que se pode chamar.
E os usuarios de servicio de axuda ao fogar como están a vivir esta crise?
Houbo baixas temporais de persoas que, por medo, renunciaron a este servizo para ser atendidos por familiares, pero tamén un incremento de solicitudes novas temporais. Para estas, a Xunta concedeu horas que eximen aos usuarios do copago (non aos concellos) e xa se deron sete altas de emerxencia temporal.
Para poder desenvolver todo este incremento de traballo, de que persoal dispón?
Durante este tempo estamos contando con casi todo o persoal, aínda que por razóns de seguridade todo se centra no edificio social e se organizan turnos para evitar coincidencias. Precisamente agora é o momento de agradecer aos traballadores da área o importante esforzo que están a facer dende o minuto un, expoñéndose a nivel persoal e adicando moitas horas de traballo, mesmo algúns comigo de luns a domingo. Se xa había carencias, as necesidades téñense incrementado. Por iso agradezo a rapidez das xestións para que a partir de mañá mesmo se poida contar con seis profesionais máis, tres auxiliares administrativos e tres traballadores sociais, para reforzar e permitir seguir prestando este servizo de emerxencia e dotando ás unidades básicas de medios para axilizar prestacións, que, de seguro, se incrementarán agora. O persoal sería contratado, dacordo cun decreto do Goberno central que o permite, para un período que engloba o tempo de confinamento e tres meses máis, é dicir, aproximadamente uns seis meses.
Dado o traballo na rúa e en diversas instalacións, déronse baixas no cadro de persoal?
Afortunadamente non. Hai casos de persoas que, por ser de risco, están na casa ou por conciliación fan turnos e teletraballo, pero seguimos aí, eso si, con estritas medidas de seguridade.
E coas medidas extraordinarias adoptadas e un orzamento xa programado, de onde se sacan os recursos?
Tense experimentado un incremento de usuarios moi grande que probablemente vai ter continuidade. Para paliar as necesidades, en principio, cóntase cunha partida do superávit, que tal e como permite a lexislación, pode ir a Benestar Social, e logo esperamos que a Xunta, que terá fondos do Goberno central, tamén nolo faga chegar. Multiplicamos o gasto alomenos por dous, en vales e outros servizos, e haberá que cuantificar ao final da crise que gastos extraordinarios se fixeron en total, porque xa se vai consumir o orzamento previsto para todo o ano.
Despois das axudas acordadas e dos programas en activo, que quedaría por facer?
O presente preocúpame pero, cos erros que se poidan ter, penso que está máis ou menos atendido. O que me preocupa máis é o futuro, incerto e con necesidades de colectivos que ata o de agora non eran usuarios dos servizos sociais. Hai que estar á altura nas necesidades básicas pero tamén en xerar políticas activas para que poidan recuperar as súas vidas, reinsertándose social e laboralmente. Esa é a asignatura pendente e nesta área nos preocupa e xa estamos buscando solucións.