Xogos, espectáculos e música encherán o sábado o novo festival do Río Castro

Xogos, espectáculos e música encherán o sábado o novo festival do Río Castro
Edición do pasado ano archivo ec

En Naraío todo está xa listo para a celebración, este mesmo sábado, do día grande nesta parroquia de San Sadurniño. Alí terá lugar, como desde hai xa máis de dúas décadas, o Festival do Río Castro, unha proposta organizada pola Asociación Veciñal O Castelo e cargada un ano máis de variadas actividades para pequenos e maiores.
Xogos, espectáculos e música configuran o intenso e variado programa a desenvolver durante toda a xornada no lugar da Bólam, ao pé do río que dá nome á cita e da ponte románica dos Andrade.
Neste lugar asentaranse durante a mañá as merendadas de todos aqueles que opten por xantar na zona, para ás 15.30 horas dar o pistoletazo de saída á sesión de xogos tradicionais a cargo da Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional.

a gramola gominola
Ás 17.30 horas será o turno para a música dirixida ao público infantil da man de A Gramola Gominola, que porá en escena un espectáculo interactivo con moito baile a ritmo de rock.
Cando remate, sobre as 19.00 horas, volverá ser o turno dos xogos tradicionais coa celebración, neste caso, do Campionato de deporte popular, con tiro de corda, serrado de tronzador e a chave –prolongarase ata as 21.00 horas, aproximadamente–.

concerto
A partir das 22.00 horas, a música será a protagonista. Catro son as formacións que dan forma ao festival deste ano.
O grupo de música e baile participativo Pesdelán será o primeiro en saír ao escenario. Seguiralles a formación viguesa de música tradicional Zurrumalla para continuar o concerto coas actuacións de folk galego de Os Cuchufellos e Quempallou.
O festival conta coa colaboración da parroquia de Naraío na cesión de terreos e na loxística, e na parte financeira coa Cooperativa de Meirás, o Concello de San Sadurniño, e segundo se agarda, tamén da Deputación da Coruña a través da convocatoria de subvencións para festivais de música tradicional.
A organización disporá de ata catro puntos para aparcar nos arredores do festival e o tráfico estará regulado por Protección Civil desde as 15.00 horas, tal e como se informa.

Xogos, espectáculos e música encherán o sábado o novo festival do Río Castro

Te puede interesar