Os versos de Rosalía de Castro resoaron nas prazas da bisbarra na véspera do seu día

Os versos de Rosalía de Castro resoaron nas prazas da bisbarra na véspera do seu día
Un instante da ofrenda floral institucional que se levou a cabo na praza de Rosalía na mañá de onte | c.f.

Rosalía de Castro naceu o 24 de febreiro de 1837 e esa data elíxese para conmemorar o seu día e recoñecer así a esta figura fundamental da literatura galega. Os actos sucedéronse durante a fin de semana, e onte o foco estivo posto en Ferrol e en Fene.

Na cidade naval celebrouse un acto institucional na praza de Rosalía de San Xoán de Filgueira. Deitáronse flores no seu monumento, léronse poemas e tamén houbo un concerto de Xoán Padín. Ademais, a biblioteca ferrolá reparte hoxe marcapáxinas especiais de Rosalía a quen leve prestado un libro.

En Fene houbo tamén un acto institucional coa intervención da corporación, letura de poemas e do manifesto da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega e unha ofrenda floral a carón do monolito. Pero, ademais, desde o consistorio animouse á hostalería a participar servindo como tapa o “Caldo de gloria”, seguindo as intruccións do poema “Miña casiña, meu lar” (auga, sal, unto e coles).

Hoxe mesmo, no Antigo Hospicio, e a instancias da asociación cultural Medulio, haberá un recital músico-poético ao redor de Rosalía, a partir das oito da tarde.

Discurso de Carvalho

A Real Academia Galega permite o acceso a discursos sobre Rosalía de Castro, entre eles o que pronunciou Ricardo Carvalho Calero en 1958 no momento en que ingresaba na institución. Foi en María Pita un 17 de maio, no centenario da publicación de “Cantares gallegos” e cinco anos antes de que empezase a celebrarse o Día das Letras Galegas, que na súa edición inaugural se lle adicou a Rosalía e que neste 2020 centra a súa atención no ferrolán. A intervención de Carvalho foi respondida por Otero Pedrayo. O discurso pode consultarse no apartado de publicacións da web da RAG e titúlase “Contribución ao estudo das fontes literarias de Rosalía”.

Outras aportacións a disposición dos lectores na web foron feitas por Otero Pedrayo, Luz Pozo, Bernardino Graña, Marina Mayoral, Basilio Losada, Francisca Herrera ou Victoriano Taibo.

Os versos de Rosalía de Castro resoaron nas prazas da bisbarra na véspera do seu día

Te puede interesar