Narón abre hoxe a tempada teatral cunha estrea de Teatro do Morcego

Narón abre hoxe a tempada teatral cunha estrea de Teatro do Morcego
Diario de Ferrol-2014-09-19-015-895d694c_1

O inesperado diálogo entre o porteiro dun hotel de luxo, sen fogar, e un can sen dono ó que lle gusta provocar accidentes de tráfico abre esta tarde a intensa tempada escénica en Narón. Teatro do Morcego, compañía residente na localidade, realiza ás 20.30 horas a estrea absoluta do seu novo proxecto, “Diálogo do can e o seu amo sobre a necesidade de morderlles aos amigos”, unha comedia dirixida por Celso Parada, que interpreta, con Mundo Villalustre, a un dos personaxes principais. Sobre o escenario estará tamén Pablo Costas.
Esta “sátira conta a estupidez e o egoísmo” con “dous clowns que denuncia a hipocresía da sociedade e se indignan con irreverencia contra o mundo no que vivimos” poderase ver de novo mañá sábado, ás oito da tarde, tamén no Pazo da Cultura. As localidades custan 9,50 euros, cos descontos habituais para aboados e para outros colectivos.
Comeza cunha estrea un trimestre de propostas que abranguen a música folk, a zarzuela, a danza contemporánea, o gospel ou a maxia e na que se contará con nomes de peso na escena española como Ana Belén (con “Kathie y el hipopótamo” o 10 de outubro) ou a compañía Aracaladanza. Ademais, outros grupos galegos elixirán de novo Narón para a estrea absoluta dos seus traballos. É o caso de Teatro do Noroeste coa súa “Selección natural” o 17 e 18 de outubro, ou o “Cyrano” de Teatro Galileo, o 31 do mesmo mes (escenificarase tamén o 1 de novembro). No eido da música galega pasarán por Narón Milladoiro, Tiruleque, Sondeseu, BellónMaceiras, Budiño e Luar na Lubre.

Narón abre hoxe a tempada teatral cunha estrea de Teatro do Morcego

Te puede interesar