A Universidade da Coruña ofrece para o vindeiro curso un total de 3.133 prazas no seus 42 títulos de grado. Destas, 573 corresponden ás doce titulacións que se imparten no Campus de Ferrol, dúas das cales son novas.
Trátase do Grao en Xestión Dixital da Información e Documentación (da Facultade de Humanidades e que substituirá ao actual programa de Documentación e Información), na que se contemplan un total de 45 prazas para o primeiro curso– e do Grao Dual en Enxeñaría Eléctrica que se desenvolverá na Escola Universitaria Politénica de Serantes e no que haberá un total de 50 prazas dispoñibles para o primeiro curso.
No tocante ao primeiro dos graos, cómpre lembrar que é o primeiro destas características que se implanta en España mentres que o de enxeñaría, que grazas o seu carácter dual incrementará a carga práctica do mesmo, será único no sistema univeristario galego.
Xunto a estes dous, a Universidade da Coruña encara o vindeiro curso con outras dúas novas propostas, a impartir na Coruña: o Grao en Ciencia e Enxeñaría de Datos (Facultade de Informática) e o de Creación Dixital, Animación e Videoxogos (Ciencias da Comunicación).
En palabras do reitor, Julio Abalde, a UDC segue así “coa súa proposta innovadora na súa oferta académica, tanto no que respecta aos contidos como nas modalidades de impartición”, apuntou.
A oferta do Campus de Ferrol para o vindeiro curso completarase coas seguintes titulacións: Enfermería (60 prazas), Enxeñaría Electrónica Industrial e Automática (50), Enxeñaría en Deseño Industrial e Desenvolvemento do Produto (70), Enxeñaría en Tecnoloxías Industriais (45), Enxeñaría Mecánica (52), Enxeñaría Naval e Oceánica (45), Podoloxía (50), Relacións Laborais e Recursos Humanos (48), Xestión Industrial da Moda (50) e o programa de simultaneidade de Estudos en Enxeñaría Mecánica e Enxeñaría Naval e Oceánica (8). O luns comezará a preinscrición.