As Xornadas Literarias adicadas a Manzoni trasládanse a Neda

Presentacion Xornadas Literarias de Neda en Humanidades
|

Onte deron comezo as XII Xornadas Literarias de Neda, un evento que pon de actualidade a obra dun escritor de sona mundial e que leva analizando a figuras como Kafka, Cortázar, Joyce, Cervantes ou Bob Dylan, entre outros autores.
Onte o alcalde nedense, Ignacio Cabezón, e o decano da Facultade de Humanidades, Manuel Recuero, inauguraron no campus de Esteiro a nova edición das Xornadas Literarias, centradas este ano no escritor Alessandro Manzoni (1785-1873), un dos referentes da literatura italiana. Ambas intervencións deron paso á primeira conferencia do ciclo literario que, baixo o título “Alessandro Manzoni e a poética da verdade”, foi impartida polo profesor da UDG Giovanni Albertocchi.
Hoxe, a partir das 20.00 horas, a actividade trasládase á Casa das Palmeiras de Neda. Alí repetirá como ponente o profesor Albertocchi, neste caso coa conferencia “Os noivos: a construción da novela histórica”, con entrada libre. A continuación, José Manuel Sande, programador do Centro Galego das Artes da Imaxe e especialista en cine e literatura, falará do tema “Manzoni no cine”. Tralo remate da charla está programado un coloquio entre os asistentes, que precederá a proxección da longametraxe “I promesi sposi”, de Mario Camerini (1941), baseado no célebre relato de Manzoni.

mostra bibliográfica
Paralelamente á celebración das XII Xornadas Literarias de Neda, que continúan tamén mañá na Casa das Palmeiras a partir das 20.00 horas cun debate, unha ponencia sobre tradución e un concerto de música italiana do século XIX, a Biblioteca Municipal albergará unha ampla mostra bibliográfica baixo o título “80 autores da literatura italiana”, aberta a todo o público.
Así mesmo, a embaixada italiana dará a coñecer novos aspectos do seu país mediante unha exposición, tamén no centro de lectura, con libros, CDs, DVDs, guías e planos.

As Xornadas Literarias adicadas a Manzoni trasládanse a Neda