Ferrol en Común fará do barrio de Recimil o eixe da súa política de vivenda pública, centrada na rehabilitación e, a través dela, na creación de emprego. Outras áreas deterioradas da cidade como San Pablo, Ferrol Vello ou Canido formarían parte tamén dun programa de mantemento e restauración que involucraría ós centros de formación profesional para crear unha bolsa de emprego. O candidato á Alcaldía deste partido de confluencia, Jorge Suárez, presentou estas medidas no propio barrio de Recimil, ante o espazo que ocupaba o derribado edificio do Bambú Club. Alí, xunto con Carlos del Río, Álvaro Montes, Suso Basterrechea e Aurora Rivas, criticou ademais o anuncio do goberno local de solicitar unha área de rehabilitación para Esteiro Vello. “Parécenos un pouco sorprendente que tendo un prazo de 2013 a 2016, a primeira noticia que teñamos sexa xusto en período electoral, no ano 2015. Por que non se fixo nada antes estando Ferrol como está, con 9.000 vivendas baleiras e coa situación social que temos?”, pregúntase Suárez.
A proposta de Ferrol en Común (EU, Anova e inscritos en Podemos) pasa por crear unha política municipal de vivenda orientada a “frear o expansionismo e crear unha cidade compacta”. Por iso os esforzos vanse centrar na rehabilitación e impulsaranse medidas, de acordo con outros municipios, para que a lexislación autonómica sexa máis ampla neste senso.
A presentación fixérona no barrio de Recimil, un lugar “simbólico” que “debe converterse nun pulmón da cidade” e onde “temos un parque público con case mil casas baleiras e un cento de baixos comerciais desaproveitados que poden xerar vivenda social, por exemplo, para as 4.705 persoas desta cidade que non reciben ningún tipo de prestación”, apuntou Jorge Suárez. Ademais, sería “un campo para xerar postos de traballo estables impulsados desde o Concello, e por iso imos fomentar que o IES Ferrolterra recupere ciclos formativos para oficios e, a través do centro de orientación laboral de Catabois, crear unha bolsa de emprego para a rehabilitación e o mantemento das vivendas”.
Carlos del Río subliñou ademais que Ferrol en Común oporase a calquera desafiuzamento e avogou por unha regularización completa dos habitantes de Recimil e por un plan sociocomunitario forte que o convirta “nun barrio punteiro”.