“Esta tecnoloxía é rendíbel, mais precisa de apoio para medrar”

Diario de Ferrol-2014-09-14-007-6fbe925f
|

Laura Castro, membro do Grupo Integrado de Enxeñaría da UDC, é a investigadora principal dun proxecto que debera ser apetecíbel para as empresas do sector eólico offshore: unha metodoloxía para o cálculo do custe e rendibilidade deste tipo de parques na plataforma continental galega, moito máis profunda ca noutras faixas do litoral europeo.
O proxecto é parte da tese de doutoramento de Castro, preocupada pola situación do sector naval da ría de Ferrol e decidida a achegar o seu gran de area nun sector, o offshore, no que a antiga Astano foi unha referencia até o veto imposto pola Unión Europea.
O estudo céntrase en coñecer a viabilidade deste tipo de iniciativas que precisan de fortes investimentos pero que aínda están en fase embrionaria. “Hai experiencias no Mar do Norte, mais alí as complexidade dun parque eólico flotante é menor, pois as profundidades da placa continental non superan os 20 ou 30 metros; a galega está en 60”, sinala. Máis perto, en Póvoa de Varzim, no norte de Portugal, nunha área destinada á experimentación de novas tecnoloxías enerxéticas, estanse a probar prototipos destas características.
“Penso que estes sistemas son unha oportunidade para o sector naval galego”, sinala a investigadora da UDC, que engade que a súa rendibilidade está condicionada pola tarifa eléctrica, caracterizada nos últimos tempos por unha gran inestabilidade, con tres modificacións en a penas dous anos. Porén, ao se tratar dunha nova tecnoloxía, o lóxico sería que contase cun apoio económico co que, polo demais, contan o resto das que xa están consolidadas.
O traballo do Grupo Integrado de Enxeñaría da Universidade da Coruña segue adiante e nestes intres está na procura de axudas para estender esta metodoloxía de cálculo de custes ás tecnoloxías da enerxía undimotriz, outra das potencialidades que Galicia pode explotar con máis decisión.

“Esta tecnoloxía é rendíbel, mais precisa de apoio para medrar”