As accións formativas para persoas desempregadas integrarán un ano máis parte da oferta do Centro Integrado de Formación Profesional Ferrolterra, que nesta ocasión impartirá un total de catro propostas. Trátase, segundo se informou, de cursos relacionados con diferentes familias profesionais. Así, na de Automóbil terá lugar un de Mantemento do motor e os seus sistemas auxiliares, mentres que no ámbito da Electricidade e Electrónica realizanrase dous, o de Montaxe e mantemento de instalacións de baixa tensión e o de Instalacións solares térmicas –os tres de nivel 2–. O centro ferrolán desenvolverá tamén un curso, neste caso de nivel 1, de Aplicación de barnices e lacas en elementos de carpintería e moble.
destinatarios
Todas estas actividades están dirixidas a persoas en paro menores de 30 anos. As inscricións terán que ser formalizadas na oficina de emprego da avenida de Vigo (135-137) durante o presente mes de marzo. Para os cursos de nivel 1 non é preciso ter titulación, mentres que para os de nivel 2 cómpre estar en posesión do equivalente a ESO. Cada unha das accións dispón de un total de 15 prazas e teñen un periodo de prácticas en empresas ao rematar o mesmo.
A oferta inclúese na convocatoria da Consellería de Traballo e Benestar. Na súa páxina web pódese consultar a relación de accións formativas previstas para este ano para o devandito colectivo de desempregados.